TURISMO

O Concello incluirá as axencias de viaxes na nova convocatoria de axudas aos sectores máis prexudicados pola pandemia

02/02/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, mantivo un encontro esta mañá cos representantes da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI) co obxecto de escoitar as demandas do sector, que se está vendo especialmente prexudicado polas medidas restritivas da mobilidade adoptadas para frear a pandemia.

AGAVI informou ao rexedor da situación actual das axencias de viaxes, especialmente afectadas polas restricións á mobilidade impostas polas administracións para a contención da pandemia. "Viron cancelados os contratos que xa tiñan e non houbo novas encargas", sinalou o alcalde, polo que "perden traballo e ademais teñen que devolver os ingresos que recibiran".

Co obxectivo de facer fronte a esta situación, solicitaron ser incluídos na convocatoria de axudas aos sectores máis afectados pola crise que o Concello sacará en marzo/abril por un montante de 2,5 millóns de euros. Sánchez Bugallo confirmoulles que poderán optar a elas.

Ademais, AGAVI presentou ao rexedor e ao concelleiro de Turismo as liñas nas que se atopan traballando na actualidade e pediron colaborar con Turismo de Santiago na promoción turística da cidade, na organización de eventos e tamén no relativo ás rutas aéreas e ao Plan de Sostibilidade Turística e de calidade en destinos turísticos. Sánchez Bugallo comprometeuse a estudar a maneira de articular esa colaboración a través de Incolsa.

Por parte de AGAVI, asistiu telematicamente á xuntanza o seu presidente, Juan Rivadulla, que estivo acompañado por Abilio Álvarez, Alberto Rodríguez, e Óscar Regal.

Compartir: