BENESTAR SOCIAL

O alcalde ofreceu o "Premio Reina Sofía" ás asociacións que traballan pola eliminación de barreiras

14/03/2007 O Hostal dos Reis Católicos acolleu un acto no que o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregoulles ás asociacións da cidade que traballan en prol da eliminación de barreiras unha réplica do Premio Reina Sofía 2006 de Accesibilidade Universal recollido a semana pasada no Palacio da Zarzuela de mans da Raíña.

Recolleron a reproducción do premio -unha medalla de prata gravada- o presidente da Asociación de Persoas Xordas de Santiago, Jaime Fernández Gil; o director de ONCE Fundosa en Compostela, Víctor López Eirís; o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; e os irmáns Folgueral, do estudio de arquitectos Sepia Técnicos S.L., encargados de abordar na nosa cidade as obras para a eliminación de barreiras. No acto tamén participou a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira.

Con este acto quíxose recoñecer o labor destas asociacións, que segundo palabras de Bugallo 'son as verdadeiras artífices deste logro'. O alcalde recordou que Santiago é a primeira cidade de España en obter este galardón, que ata o de agora so se concedía a persoas e entidades.

O Concello vén contando nos últimos anos coa colaboración activa destas asocacións que axudan aos técnicos municipais no labor de detección das necesidades das persoas con discapacidade co obxectivo de eliminar as barreiras que dificultan a súa vida diaria.

O alcalde reiteroulles a estas asociacións que o Premio Reina Sofía é un recoñecemento ao seu labor, pero sobre todo un estímulo para seguir traballando na eliminación de barreiras na cidade, tanto as físicas como as psicolóxicas. Así o indicara xa no seu discurso trala recollida do galardón.

O xurado dos Premio Reina Sofía apreciou o labor realizado en Compostela no eido da accesibilidade entre os municipios de máis de 100.000 habitantes. En particular, recoñeceu a eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios, no transporte e na comunicación. Tívose en conta o esforzo realizado nunha cidade que é Patrimonio da Humanidade, coa dificultade que entraña o facer accesible moitas partes do Casco Histórico sen alterar substancialmente os ámbitos e as estruturas de carácter histórico ou monumental.

Tamén se recoñeceu a elaboración dunha Guía de Accesibilidade editada pola Concellería de Benestar Social na que figuran establecementos de hostalería accesibles, así como un listado das asociacións que colaboran co Concello.

Compartir: