ALCALDÍA

O alcalde salienta o desbloqueo e o avance en catro proxectos "fundamentais" para a cidade nun 2020 marcado pola COVID-19

04/01/2021 A pesar da "complexa situación" provocada pola pandemia, Xosé Sánchez Bugallo destacou que neste 2020 se deron "pasos importantísimos" e se desbloqueron catro grandes infraestruturas: o Orbital, a Edar, a construción da estación do AVE e as obras da Intermodal, ás que se suma a posta en marcha da administración electrónica. O alcalde fixo repasou en rolda de prensa deste 2020 marcado pola COVID no que o Concello "realizou un esforzo sen precedentes" coa posta en marcha de sendos programas no ámbito social e no ámbito económico para facer fronte aos efectos da pandemia.

"As obras do Orbital comezaron en novembro; a EDAR está encamiñada", lembrou o rexedor, "ao igual que a estación do AVE", que conta con dotación orzamentaria e cun proxecto de execución aprobado. Nese mesmo ámbito continúan en marcha as obras da intermodal, "moi avanzadas" sinalou Sánchez Bugallo, que amosou o seu orgullo polo feito de que a primeira obra rematada sexa a da rúa Clara Campoamor, executada polo Concello.

Ao avance nestes catro proxectos súmase a posta en marcha da administración electrónica, en funcionamento desde o pasado 28 de outubro. "Non só non foi un ano perdido, senón que se desbloqueron temas que acumulaba moito retraso", remarcou o alcalde, que anunciou, así mesmo, a recuperación do Estado de Debate do Municipio. Celebrarase a finais de xaneiro, o sábado 23 ou, previsiblemente, o sábado 30, unha vez se aborde a cuestión en xunta de voceiros.

COVID
"2020 foi un ano no que a COVID nos atropelou e condicionou todo", sinalou o rexedor, que quixo agradecer ao goberno, aos traballadores municipais, aos grupos da oposición e á sociedade en xeral o seu sentido da responsabilidade nun momento tan duro.

Lembrou Sánchez Bugallo que a pandemia afectou a todos os sectores e o Concello respondeu, dentro das súas posibilidades, aprobando un programa de apoio social e outro de apoio ao tecido económico sen precedentes. "Creo que fixemos, estamos facendo e continuaremos facendo todos os esforzos a noso alcance sen escatimar", abundou.

2021
O alcalde dixo encarar este 2021 co convencemento de que será un ano excepcional: "comezaremos cunha recuperación lenta que espero sexa máis rápida no segundo semestre". A este respecto, volveu amosar a súa satisfacción pola prolongación a todo o 2022 de declaración de Ano Santo: "temos que aproveitar a oportunidade que se nos brinda e seguir avanzando no proxecto de cidade".

Non obstante, "o camiño non vai ser doado". Os datos da pandemia na cidade "indican que desde o pasado día 23 se produciu unha certa ralentización do crecemento" aínda que non permiten falar de "estabilización". Hoxe, ao igual que onte, Santiago conta con 239 casos activos fronte aos 237 rexistrados o sábado. "Temos que esperar a ver que sucede a partir do día 6, pero é importantísimo que sigamos con todas as medidas de precaución e seguridade", lembrou, "porque a terceira vaga xa está aquí".

Por último, o alcalde referiuse aos orzamentos municipais para este ano. Segundo sinalou o rexedor, presentaránselles á oposición na segunda quincena deste mes, unha vez garantida a participación nos orzamentos do Estado para 2021. Sánchez Bugallo lembrou que tanto 2021 coma 2022 van ser dous anos complicados desde o punto de vista orzamentario polo que "ata non ter esa garantía e ata coñecer o comportamento da recadación fiscal no Concello era moi prematuro tomar decisións".

Compartir: