TURISMO

"Santiago de Compostela, a túa historia para o 2021", terceira fase da campaña de promoción turística da cidade

26/12/2020 "Santiago de Compostela, a túa historia para o 2021" é o título da terceira fase da campaña iniciada no verán de 2020. Dirixida ao ámbito galego e estatal, en función das actuais limitacións das viaxes cara a España, esta acción promocional durará do 26 de decembro ata o 23 de xaneiro de 2021.

A campaña "Santiago de Compostela, a túa historia", que culmina coa terceira fase que hoxe se presenta, consta de tres partes. A primeira comezou o 23 de xullo e rematou a finais de agosto e estaba orientada esencialmente a público familiar procedente de España. Esta fase foi completamente online, cunha importante presenza en redes sociais, You Tube, Facebook e Instagram que son as canles que mais se adaptan ás decisións de última hora na reserva de viaxes.

Na primeira fase obtivéronse máis de 8 millóns de impresións, superando con creces o obxectivo inicial estimado de 3 millóns. En canto ao tráfico, fixéronse máis de 18.000 clics e 720.000 vistas ao 100% dos 3 spots que se lanzaron en torno ás temáticas de familia, parques e gastronomía, incrementando en case 300.000 as visualizacións estimadas.

A segunda fase, orientada ao turismo familiar pero tamén para estadías curtas ou "short breaks", concibida para fomentar as visitas durante as festas de Nadal, tivo que ser cancelada e reorientada como consecuencia das limitacións impostas pola segunda vaga da pandemia.

"Santiago de Compostela, a túa historia para o 2021", a terceira fase que hoxe comeza, é tamén 100% virtual, e inclúe o soporte de Smart TV con insercións en ATRESPLAYER e MITELE, ademais dunha forte presenza en redes sociais e Tripadvisor. Conta así mesmo cun vídeo específico de 20 segundos para todas estas canles e diferentes adaptacións de imaxe, banners, etc.

Paralelamente, Turismo de Santiago de Compostela fai pública desde hoxe a web www.SantiagoTurismo.com/Compostela2021, un site específico para resaltar, desde unha perspectiva turística, o Ano Santo Compostelán 2021 e toda a información e oferta de actividades complementarias a esta celebración única, web que tamén aloxará a acción promocional "Santiago de Compostela, a túa historia para o 2021" que hoxe se presenta.

Direccións relacionadas



Compartir: