ALCALDÍA

O alcalde chama a extremar a responsabilidade durante o Nadal para frear o aumento de casos de COVID

23/12/2020 Ante o levantamento do peche perimetral dende hoxe e ata o vindeiro día 25, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quixo reiterar o chamado á responsabilidade individual e colectiva por parte da cidadanía para evitar que se incremente o número de casos activos no municipio.

"Nestas tres últimas semanas pasamos de 84 a 214 casos activos", lembrou o rexedor compostelán, que reiterou que a meirande parte dos contaxios "se producen na esfera familiar". Por este motivo, recomendou extremar o cumprimento das medidas preventivas: "respectar a distancia, manter a mascarilla e evitar contactos innecesarios".
Sánchez Bugallo non descartou que as autoridades competentes na materia teñan que ditar medidas máis restritivas a vindeira semana "se esta ruta non se corrixe", se ben é certo "que empeza a haber algúns indicios de que o ritmo de crecemento é algo menor".

Xunta de Goberno extraordinaria
O alcalde tamén deu conta en rolda de prensa dos actodos aprobados nunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno. Entre eles, salineotu o inicio dos trámites para a recepción das obras de reurbanización da rúa de Clara Campoamor. "Xa se fixera unha recepción parcial no seu día para podela abrir á circulación e agora faise a da obra no seu conxunto", indicou.

Así mesmo, acordouse suspender a execución temporal total das obras de remodelación da rúa Concheiros por mor da aparición dunha liña de media tensión desprotexida, descoñecida no momento da redacción do proxecto, que obriga á realización dun estudio de desvío de redes, con data efectiva de inicio da paralización o 9 de decembro de 2020 e previsión de reinicio o 7 de xaneiro de 2021.

Nesta mesma sesión aprobáronse as actuacións de emerxencia levadas a cabo como consecuencia da caída de parte do muro da finca de San Lourenzo e o gasto que conlevaron as obras que foi preciso realizar para evitar situacións de perigo. Foron executadas pola empresa Oviga por un importe de 11.327,90 euros.

Tamén se aprobou o convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e as empresas UTE TRALUSA, Arriva Galicia, SL, Autos Grabanxa, SL, Hermanos Ferrín, SL e Autocares Rías Baixas como prestatarias do transporte urbano municipal, para a determinación das condicións de compensación tarifaria e as súas obrigas asociadas na área de transporte metropolitano de Santiago de Compostela.

Por útlimo, deuse luz verde á xustificación de trece convenios de colaboración con distintas entidades sociais por un importe global de 456.916,15.

Documentos relacionados



Compartir: