NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Compostela únese ás cidades que practican o bookcrossing

13/05/2005 O Movimento en Defesa da Língua, coa colaboración da Concellaría de Política Lingüística do Concello de Santiago, pón en marcha unha iniciativa de bookcrossing en Compostela.

Promover a lectura, contribuír á normalización da lingua galega a través da difusión de textos literarios e familiarizar á sociedade coa variante lingüística portuguesa son os obxectivos desta iniciativa. Trátase de que os composteláns "liberen" libros galegos e portugueses en diversos lugares da cidade (uns 200), a fin de que os paseantes os recollan e os liberen de novo, despois de lelos e comentalos, se o desexan, na web do proxecto.

Ademais, preténdese que a cidadanía se anime a "liberar" tamén os seus propios libros, compartindo a lectura con outras persoas para crear, co tempo, unha certa tradición de intercambio de libros, dentro do movemento xeral de book crossing, en Compostela.

Co fin de contribuír á difusión da iniciativa, o lanzamento dos libros faise coincidir cun acto público de lectura de textos no que se convida a participar a persoas vinculadas coa cultura, a educación, persoeiros, etcétera. Neste acto, na praza das Praterías o 16 de maio ás 19 horas, cada un dos participantes contribuirá á solta de libros cun exemplar da súa elección e convidará á súa lectura.

A divulgación do proxecto realízase mediante carteis informativos distribuídos pola cidade, en centros escolares librarías, bibliotecas e outros estabelecementos. Asemade, cada un dos libros irá identificado como parte do book crossing mediante un adhesivo no que tamén se explica o funcionamento da actividade.

A web do proxecto permitirá será o primeiro punto de encontro e, ademais de animar a novos lectores a buscar os libros que desexen, permitirá realizar un certo seguimento dos exemplares e das preferencias dos lectores. Máis tarde, completarase cun Encontro de lectores do Bookcrossing Compostela.

Compartir: