POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello e a Asociación Compostela Solidaria asinan o convenio para o mantemento do proxecto educativo para adultos "Escola de Segunda Oportunidade"

22/12/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá o convenio de colaboración con Luis Rivero de Aguilar, en representación da Asociación Compostela Solidaria, para dar continuidade ao proxecto educativo para persoas adultas "Escola de Segunda Oportunidade".

O principal obxectivo do programa céntrase en incrementar o nivel formativo de persoas adultas sen formación básica, cunha orientación práctica para que poidan, ademais de adquirir e mellorar as súas habilidades de lectura, escritura e cálculo, superar as probas organizadas polas autoridades educativas ou laborais, de xeito que melloren exponencialmente as súas posibilidades de inclusión social e laboral, ademais de facilitarlles o acceso a servizos e actividades normalizadas.

O convenio fai referencia, fundamentalmente, á superación das probas de Competencias Clave e/ou Probas libres do Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria, para as que non só é preciso ter os coñecementos, senón tamén traballar a estrutura e claves das probas, cuestións ambas precisas para incrementar as posibilidades de superación dos exercicios.

A poboación destinataria do proxecto abrangue á cidadanía empadroada en Santiago de Compostela, en especial a aquelas persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade, derivadas dos Servizos Sociais Comunitarios, cun proxecto de intervención que inclúa a mellora do ámbito educativo. Concretamente:
- persoas adultas en risco de exclusión social que participan dos proxectos de intervención dos servizos sociais comunitarios.
- persoas adultas en risco de exclusión social que retornan ao sistema educativo, ben asistindo a clases de alfabetización e/ou educación de adultos; ou á preparación no acceso a diferentes tipos de probas: competencias clave, graduado en ESO, probas de acceso a CM/CS...
- persoas adultas novas que abandonan o sistema educativo sen obter ningún tipo de titulación.
- persoas inmigrantes con descoñecemento ou baixo nivel de coñecemento e manexo do galego e do castelán.

Este proxecto presenta características das programacións transversais, dado que recolle necesidades educativas de todas as persoas e colectivos, e os seus resultados inciden directamente nunha diversidade de ámbitos: empregabilidade, capacitación, progresión e autoestima persoal, socialización, maior sensibilización cara á escolarización, etc.

O programa, que non ten dotación orzamentaria, desenvolverase a través dunha colaboración entre a Concellaría de Políticas Sociais e a entidade Compostela Solidaria, integrada por persoal voluntario con ampla experiencia no sector educativo e no desenvolvemento de proxectos de voluntariado de educación de adultos en risco de exclusió. Será, por tanto, este persoal o que se encargará de impartir a formación ás persoas beneficiarias do proxecto que previamente sexan derivadas polo persoal técnico de Servizos Sociais, tras valorar a súa idoneidade segundo os requisitos establecidos.

O Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Políticas Sociais, asume os seguintes compromisos:
- Valorar tecnicamente as persoas participantes neste proxecto entre a cidadanía empadroada en Santiago de Compostela, en especial aquelas persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade, cun proxecto de intervención que inclúa a mellora do ámbito educativo.
- Canalizar as demandas das potenciais persoas beneficiarias ao responsable do proxecto designado pola entidade Compostela Solidaria para valorar conxuntamente a viabilidade da súa inclusión no programa.
- Comprobar, no marco de seguimento ordinario coa persoa beneficiaria, que a prestación se realiza en óptimas condicións de relación e de satisfacción final.
- Facilitar o acceso e uso do espazo e as condicións técnicas para o desenvolvemento das clases de formación cuxo número se determinará de común acordo entre as partes.
- Constituír unha comisión de seguimento do proxecto integrada pola xefa de servizo da Área de Acción Social, a xefa de sección de Servizos Sociais e a técnica do Departamento de Servizos Sociais designada ao efecto para realizar o seguimento deste proxecto. A Comisión reunirase cos responsables do proxecto designados pola entidade "Compostela Solidaria" ao inicio do proxecto, cada seis meses e o final da súa execución.
- Apoiar a asociación Compostela Solidaria na súa finalidade de promoción e formación do voluntariado na nosa cidade.

Pola súa banda, a asociación Compostela Solidaria comprométese ao seguinte:
- Dispoñer dun grupo suficiente de voluntariado adecuadamente formado para o desenvolvemento do proxecto. A supervisión e coordinación deste grupo corresponderá ao coordinador (responsable da asociación Compostela Solidaria).
- Preparar e impartir a formación e realizar o labor de xestión da mesma, asumindo a completa responsabilidade na súa organización
- A formación impartida polo equipo voluntario de profesionais da ensinanza da entidade será levada a cabo de forma gratuíta polo voluntariado da entidade, sen que supoña un desembolso económico para as persoas beneficiarias directas da formación obxecto do proxecto.
- A relación do persoal voluntario coas persoas beneficiarias do proxecto darase dentro dun marco de respeto, colaboración e apoio efectivo atendendo ás necesidades específicas deste sector da poboación.
- Dispoñer dunha póliza de seguro destinada a cubrir os posibles danos que con motivo do contido do programa de formación puidesen ser ocasionados a terceiros.
- Enviar ao Departamento de Servizos Sociais, á finalización do proxecto, una Memoria xustificativa da formación impartida onde se recolla a avaliación das persoas beneficiarias cando se solicite.

Compartir: