ALCALDÍA

"O debuxo por diante" descobre o valor desta manifestación artística en cinco espazos da cidade

13/03/2007 Do 13 de marzo ao 29 de abril, poderase contemplar en varios espazos da cidade a exposición "O debuxo por diante". Esta mostra pretende por en valor esta manifestación artística, presentándoa coma unha ferramenta indispensable para coñecer a arte contemporánea de todos os tempos.

A exposición plasmará a presenza do debuxo en diferentes coleccións da cidade, facendo unha aproximación ao complexo e variado mundo do debuxo. Esta gran mostra realizarase simultaneamente en varias salas e en torno a dous eixos: "Vasos Comunicantes" e "Por fora do papel".

O primeiro deles estará na Fundación Eugenio Granell, no Centro Galego de Arte Conteomporánea (CGAC) e na Igrexa da Universidade. Incluirá unha selección de obras das institucións participantes, completada cunha selección de obra gráfica de propiedade privada. Amósanse fondos de autores galegos coma Laxeiro, Granell, Pamen Pereira, Vicente Blanco, Salvador Cidras, Arturo Souto ou Reimundo Patiño. Tamén figuran pintores estranxeiros coma Duschamps ou Richard Sierra.

"Por fora do papel" recolle proxectos específicos realizados para esta mostra e para espazos concretos. Interveñen artistas como Mauro Trastoy, Ignacio Uriarte, Carlos Bracho, Irene Van de Mheen ou Rubén Santiago. Neste caso os escenarios serán a Igrexa da Universidade, a Fundación Granell, a Zona C (San Domingos de Bonaval), o CGAC e o Parque da Música, no Auditorio de Galicia.

A exposición inclúe diversas manifestacións do debuxo: debuxo científico, ilustración, ilustración de prensa, debuxo para vestir, banda deseñada, debuxo dixital e fanzíns.

Esta mostra é froito da colaboración institucional entre o Concello de Santiago, a Consellería de Cultura, a Universidade de Santiago e o Padroado da Fundación-Museo Eugenio Granell. Tamén contará cun catálogo, do que se tirarán 2.000 exemplares.

Compartir: