COMERCIO

Escollidos os 15 establecementos finalistas do concurso de escaparatismo de Nadal

18/12/2020 O xurado do concurso de escaparatismo elixiu onte os 15 establecementos finalistas e o vindeiro luns tomará a decisión definitiva. Hoxe venres ás 12.00 h ábrese a votación para os dous premios outorgados polo público, que se poderá realizar a través da páxina en Facebook do departamento de Comercio.

O xurado, reunido a última hora da tarde de onte, 17 de decembro, realizou a selección dos 15 establecementos finalistas no Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Santiago. Ao concurso concorreron un total de 33 establecementos, dos que 6 foron excluídos por non ter presentado a documentación en tempo e forma.

Establecementos finalistas
De Cotío
Chimpos
Maravalla
Coralia Atelier
Moksin
Charol
Óptica Tábora (República do Salvador)
Floristería Embora
Os Mundos de Carlota
Dosel
Espezalia Real Food
La Tienda de María
Baraka
Agranola
A Casa do Rock

O xurado realizou a selección aplicando os criterios recollidos nas bases, que valoran a integración dos produtos á venda; a composición do escaparate e a súa adaptación á temática de Nadal; a distribución dos elementos; a harmonía das gamas cromáticas, formas, texturas e materiais; a mensaxe ou idea que se transmite; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais; a invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción e mais o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final.

Premios
O xurado reunirase o vindeiro luns día 21 de decembro para outorgar 4 premios:
Primeiro premio, dotado con 3.000 €
Segundo premio, dotado con 2.000 €
Terceiro premio, dotado con 1.000 €
Premio ao escaparate sostible, dotado con 1.000 €
O xurado poderá, ademais, conceder dous accésits dotados con 500 €

O público decidirá dous premios máis, dotados con 2.000€ (primeiro premio) e 1.000€ (segundo premio). A votación popular levarase a cabo desde as 12:00h. de hoxe, día 18 de decembro, ata as 12:00h. do vindeiro luns, día 21 de decembro, a través da páxina de Facebook do Departamento de Comercio, Comercio Santiago. Os premios serán adxudicados aos dous escaparates que máis "me gusta" obteñan.

Xurado
O xurado está integrado por Lucía Castro, responsable do Departamento de Comercio do Concello de Santiago, que actúa ademais como secretaria; Sandra García, deseñadora gráfica, profesora de Deseño de Moda na EASD Mestre Mateo; Adolfo Enríquez, fotógrafo; Xavier Blanco, director de Galería Metro; e Sabela Liñeira, interiorista e creadora de Decorazul.

Compartir: