ALCALDÍA

O alcalde destaca o gran traballo de restauración realizado na Catedral de Santiago

18/12/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou o gran traballo de restauración realizado na Catedral de Santiago. "É a primeira vez, dixo, que se aborda unha rehabilitación integral de todos os estilos arquitectónicos que coexisten, que conviven, dentro do templo compostelá", sinalou o rexedor.

Foi no acto de presentación do fin da restauración da Catedral de Santiago, no que tamén estiveron presentes, entre outras autoridades, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o arcebipo de Santiago; Julián Barrio; o deán da basílica compostelá, Segundo Pérez; a concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón; e o responsable de Turismo do Concello de Santiago e delegado do Ano Santo 2021, Sindo Guinarte.

O rexedor indicou que os traballos realizados na Catedral "son enormes". "Desde o seu inicio, houbo múltiples obras de intervención, pero case todas eran de substitución por un estilo por outro, duns materiais por outros ou de ampliacións". Unhas labores de restauración, que, engadiu, "nos dan a oportunidade de desfrutar dunha visión" do templo que ningunha xeración anterior tivo oportunidade de ver, nen siquera, sinalou o arcebispo Monroy. O importante, subliñou "é que hoxe estamos aquí disfrutando desta marabillosa rehabilitación que será compartida, a partir de agora, por millóns de persoas".

Sánchez Bugallo recordou que "estamos nun ano especialmente duro. Todos vimos como ían subindo as peregrinacións. Pensabamos que tiñamos diante de nós un escenario e unha perspectiva de Ano Santo, e unhas condicións determinadas, e por causa do coronavirus estas perspectivas modificáronse radicalmente". Pero, continuou, "estou convencido de varias cousas: a primeira que imos superar esta situación da que sairemos fortalecidos", especificamente, indicou, "no que fai referencia á Catedral, ás peregrinacións e ao significado do Apóstolo, que seguirá máis forte do que foi nunca". "Cando eses turistas, e eses peregrinos veñan a Compostela, verán que estes meses non foron un tempo perdido". Foi, afirmou, "un tempo aproveitado para poderlles ofrecer unha catedral, un espazo e unhas condicións absolutamente extraordinarias".

O rexedor rematou a súa intrevención amosando o seu agradecemento e felicitando a "todos os que fixeron posible esta rehabilitación, ao conxunto de institucións e administracións públicas, empezando pola administración xeral do Estado e pola Xunta de Galicia; o conxunto de entidades privadas que se involucraron, apoiando e participando e financiando estes traballos e tamén aos profesionais que traballaron nesta catedral para facer posible o que hoxe estamos contemplando. E por suposto, a todos aqueles que fixeron posible que esta herdanza, que ven de 40 ou 50 xeracións, chegará a nós e nós teñamos a oportunidade de legarllo ás xeracións futuras", finalizou.

Obras
A Catedral de Santiago é un templo vivo que acolle a centos de miles de peregrinos e axúdalles, desde as coordenadas da confesión católica, pero con apertura a outras vivencias e crenzas a reafirmarse ou descubrirse como seres espirituais.

Ao mesmo tempo, a catedral é unha marabilla da arte universal, concentrando realizacións de gran valor desde as súas orixes construtivas, alá no apoxeo do románico hai 900 anos, ata a irrupción do neoclasicismo na segunda metade do século XVIII, pasando por excepcionais achegas góticas, renacentistas e barrocas.

Un templo tan complexo, segundo explica na web da catedral de Santiago, require unha permanente atención restauradora. A principios deste século constatouse a necesidade de coidalo e poñelo en condicións de lucir en todo o seu esplendor o seu valor espiritual e estético. Por iso se puxo en marcha o programa Descubrindo a Catedral, que arrincou cun traballo técnico rigoroso, o Plan Director de 2010, ao redor do cal xa se realizaron intervencións construtivas financiadas polo Ministerio de Fomento do Goberno de España, pola Xunta de Galicia, polo Consorcio de Santiago e pola propia Catedral, que despois foron impulsadas polo convenio subscrito entre o Ministerio de Facenda e a Xunta, complementado co que permite desenvolver este entre a Xunta e a Fundación Catedral para executar investimentos ata o ano 2020 por valor de 17 millóns de euros.

Con anterioridade, desde hai xa 12 anos, A Fundación Barrié de la Maza financiou a restauración do Pórtico da Gloria, no marco do seu Programa Catedral, que completa a tarefa dunha rehabilitación integral do conxunto arquitectónico. Entre os traballos realizados son:

Cubertas da nave principal e cruceiro: renovación das cubertas, mellorando a impermeabilización e a ventilación.

Panda norte do claustro: levantamento da cuberta e da terraza que cubre a panda norte do claustro, para a súa renovación, executando unha estrutura de madeira e acabado de tella e unha terraza plana con acabado de lousas de granito.

Fachada da Azabachería: restauración do conxunto arquitectónico (2009)

Fachada da Quintana: restauración do Pórtico Real, en 2010, e actuacións na Porta Santa (patio e reixa), en 2015.

Torre do Reloxo: restauración do conxunto arquitectónico no seu parte exterior e, parcialmente, no interior.

Zócalos Capela Maior: primeira fase da restauración dos zócalos de mármore que delimitan a Capela Maior.

Cimborrio: restauración do conxunto arquitectónico, tanto a fábrica medieval como a barroca, recuperando as fiestras oxivais orixinais.

Cubertas da cabeceira: renovación das cubertas da Capela Maior e capelas da xirola, introducindo novas solucións que favorezan a ventilación.

Fachada oriental do claustro e esconce, Torre do Tesouro e cubertas da á oriental do claustro: limpeza e restauración en fachadas, saneamento da cuberta, executando unha nova estrutura de madeira e renovando a cubrición de tella. Restauración de carpintarías de madeira e elementos especiais tales como crestería, escudos, medallóns e reixas renacentistas.

Fachada da Quintana e patios da Porta Santa e Patio de Abades: limpeza e restauración dos paramentos e intervencións na terraza sobre a tribuna do deambulatorio, balaustrada e pináculos.

Paramentos verticais da xirola e paramentos interiores e bóvedas de nave central, transepto, naves laterais e triforio: restauración do conxunto dos paramentos interiores e bóvedas do interior da basílica, xunto con outros elementos, tales como portadas, carpinterías, vidrieirasey reixas.

Capela Maior: restauración das pinturas da bóveda, baldaquino e altar de prata e reixas

Compartir: