ALCALDÍA

O alcalde entende a decisión de pechar perimetralmente Santiago ante o incremento de novos contaxios por COVID19, e espera que a medida sexa efectiva

16/12/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, valorou o peche perimentral de Santiago decretado polo Comité Clínico ante o incremento no número de contaxios por COVID19, que entrará en vigor na medianoite de hoxe. O rexedor asegura que aínda que "non nos agrade", é unha decisión que "temos que entender"; ante a evolución dos datos. Engade que o problema en Compostela non son os números, "é a tendencia" negativa, cun crecemento de novos casos de "en torno ao 10% diario"; e espera que a medida adoptada sexa efectiva e útil, "e non sexa necesario tomar decisións máis drásticas "en vésperas de Noiteboa e de Nadal".

Sánchez Bugallo explica a tendencia positiva de outubro ata principios de decembro, "cando se consegiu reducir o número de casos activos de 471 a 84 e a incicidencia acumulada a 14 días de 300 casos a 80". Pero, recorda, na última semana a evolución foi á inversa, cando o número de casos activos subiu de 84 a 147 (onte) e a incidencia acumulada a 14 días pasou de 80 a 129.

Explica o alcalde que a decisión que toma o Comité Clínico e a consellería de Sanidade ten como obxectivo "intentar atallar esa evolución". E sinala que a experiencia destes días, "o que pon en evidencia, é que é necesario manter todas as cautelas e medidas de seguridade" É preciso, continúa, facelo nos ámbitos que "nos resultan máis cercanos; na familia, no traballo, na confraternización que se produce fóra das horas laborais, porque estamos vendo que a gran maioría de casos de novos positivos se producen neses entornos".

Compartir: