MEDIO AMBIENTE

O comercio local distribuirá entre a clientela seis mil exemplares do manual "Santiago de Compostela recicla o Nadal", editado pola concellaría de Medio Ambiente

16/12/2020 A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro; e o xornalista Antonio Perozo, presentaron o manual "Santiago de Compostela recicla o Nadal", unha publicación da que se editaron 6.000 exemplares e que hoxe comeza a distribuirse nuns 250 comercios de proximidade repartidos por todos os barrios da cidade. Unha acción que ten un dobre obxectivo: fomentar os bos usos na reciclaxe e apoiar ao comercio local.

Segundo explicou Mila Castro, serán os propios comerciantes os que agasallen á clientela con este manual, co que o Concello agarda chegar a 6.000 familias e, engade, "deste modo acadar unha atención próximos aos 20.000 cidadáns". Baixo o lema Fagamos da Festa unha Escola de Familia, "atopamos 60 páxinas de fácil lectura", con textos de Antonio Perozo, nas que, destaca a concelleira, "resulta moi doado atopar respostas as dúbidas que adoitamos ter nas boas prácticas da reciclaxe. A cidadanía xa concienciada atopará o xeito de converter o tempo de Nadal, Aninovo e Reis nuns días de aprendizaxe á hora de Reducir, Reutilizar e Reciclar."

O manual, está redactado de xeito que teña utilidade máis aló destas semanas, e tendo en conta a actual situación de pandemia, polo que tamén achega observacións nese sentido. Ademais de recoller toda a normativa xeral e normas específicas de Santiago de Compostela, en moitos capítulos atópanse propostas para realizar experiencias en familia aproveitando estas vacacións e festas de Nadal, consideradas como un tempo de moito consumo e gran xeración de residuos urbanos.

Da publicación, en formato cadrado, destaca a coidada maquetación e o atractivo deseño que acompaña os textos, cunha metodoloxía clara e concisa, baseada na idea de aprendizaxe. Antonio Perozo explicou que se editara en formato libro en vez do clásico folleto, "porque os libros permanecen", na biblioteca escolar, nas estanterías dos fogares, e ata "na cociña da familia", e porque "vai servir de aprendizaxe" á hora de reciclar.

Compartir: