URBANISMO

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente o proxecto básico das obras de mellora de acceso ao parque de Belvís

15/12/2020 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, as obras de mellora de acceso ao Parque de Belvís desde a Praza do Matadoiro, e a fase cinco de despregue de rede de fibra óptica na Cidade Histórica.

O "proxecto básico das obras de mellora de acceso ao parque de Belvís", deseñado polo estudo Arrokabe Arquitectos SLP, conta cun orzamento de execución material de 133.362,07 euros. A actuación prevista refírese ao novo acceso ao parque de Belvís dende a Praza do Matadoiro. En concreto, proxéctase unha pasarela lineal resolta cunha estrutura mixta de aceiro e madeira sobre o curso de auga do cancelón, que salva a cota de acceso dende a citada praza ata a zona axardinada, xa no parque, mediante ramplas accesibles con descansos intermedios. No tramo final o proxecto ofrece un percorrido alternativo mediante unha escaleira. Ámbalas dúas circulacións desembocan no camiño existente. A actuación tamén contempla un palco estancial, de aproximadamente 40 metros cadrados, que poderá ser utilizado para distintas actividades. En relación coa intervención, desde a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico establecen como condición que o tramo da pasarela proxectada se amplie ata a máxima anchura posible en todo o seu percorrido. No proxecto a anchura establecíase en 80 cm.

Fibra óptica
Na reunión tamén se deu o visto bó á quinta fase do "proxecto de infraestutura de telecomunicacións para o despregue de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 5", que conta cun orzamento de execución material de 19.196.04 euros. O proxecto contempla o despregue da fibra óptica en:

Algalia de Arriba

Praza da Algalia de Arriba

Rúa de Santa Cristina

Fonte de San Miguel

Praza de San Miguel dos Agros

Rúa de San Miguel dos Agros

Praza de San Roque

Rúa das Rodas (números impares)

Rúa de Entremuros (números pares)

Algalia de Abaixo

Praza da Algalia de Abaixo

Rúa dos Truques.

O obxectivo, segundo o proxecto presentado, é dar cobertura ao 100% os posibles usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a reducción do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada favorablemente, aínda que coas mesmas condicións que as anteriores fases, entre as que destacan:

As arquetas e canalizacións soterradas que requiran de excavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos de excavación deberán ser realizados polo Consorcio de Santiago.

Os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmobles. No caso concreto da Casa Simeón, situada na Rúa das Casas Reais, 3, sede do arquivo histórico da USC, o tendido de fibra óptica e o punto de entrada deberán realizarse ploa fachada lateral da Rúa da Algalia de Abaixo, para evitar que se vexa afectada a fachada principal.

As novas caixas ópticas terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.

O trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.

As tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento.

A nova rede debe ser compartida con empresas ou operadoradores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.

Outros asuntos
Outro asunto informado favorablemente é a retirada de bolardos na contorna da Praza de Mazarelos e da Praza da Universidade, conforme á memoria redactada polo arquitecto Ángel Panero, da Oficina de Proxectos do Consorcio de Santiago, válida para toda a cidade histórica. A actuación conta cun orzamento de execución material de 14.664,4 euros, e prevé a retirada dos 40 bolardos existentes sobre o pavimento de chapaplana é dos 100 insertados sobre as lousas.

Nesta intervención, a Comisión Asesora de Patrimonio Histórico establece as seguintes condicións: todas as unidades retiradas xunto coas lousas de granito nas que se encaixan serán inventariadas e trasladadas ao almacén municipal a fin de que poidan ser reutilizados en futuras actuacións na vía pública; os pavimentos de chapaplana afectados reaproveitaranse no posible, colocándoos da mesma forma en que se atopan; e as novas lousas de granito que substitúan ás que se retiran terán un espesor mínimo de 20 cm. e unha granulometría e cor similar ás existentes.

Tamén se lle deu o visto bó á intervención solicitada pola Universidade de Santiago de Compostela, referente á reforma parcial e acondicionamento do pavillón de servizos para a área de tecnoloxías da información e das comunicacións, situada na Rúa de José María Suárez Núñez, 3, no Campus Vida; segundo o proxecto básico e de execución que conta cun orzamento material de 174.689,7 euros. Establécese como condición que a realización do novo acabado da fachada con morteiro monocapa armado teña unha cor e textura semellante ao actual.

A maiores, e por urxencia, informouse favorablemente a unha proposta da Consellería de Turismo de iluminar de azul, entre os días 22 e 31 de decembro, a igrexa de San Bieito, a Capela das Ánimas, e a fachada da torre da Berenguela da catedral que dá á Praza de Praterías.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: