EDUCACIÓN

O italiano Pietro Gottuso recibe o premio internacional Compostela de Álbums Ilustrados

15/12/2020 O ilustrador italiano Pietro Gottuso agradeceu, vía telemática, o premio internacional Compostela de Álbums Ilustrados, organizado polo departamento de Educación do Concello de Santiago e a editorial Kalandraka, que recaeu na súa obra "Desde 1880".

Gottuso deu ás grazas ao xurado pola súa decisión que o deixou "sen palabras" cando lle foi comunicada. Sen palabras está tamén o seu álbum porque, en verbas do autor, "creo no poder comunicativo e evocador das imaxes". O premiado manifestou a súa intención de visitar Santiago en canto as circunstancias o permitan.

Malia estas circunstancias especiais provadas pola pandamia tivo lugar este acto, que xa vai pola súa décimo terceira edición. Así o lembrou o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, que reivindicou o carácter resistente dos libros e o seu importante papel nesta etapa: "unha sociedade, canto máis lectora, más libre e máis feliz se sente".

Pechou o acto o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que empregou a historia narrada no libro (o paso de dous séculos a través dunha libraría) para exemplificar como as sociedades resisten e mudan, a pesar das épocas complexas.

"Desde 1880" impúxose nunha edición do Premio Compostela á que se presentaron 384 proxectos procedentes de 23 países: Italia, Taiwán, República Dominicana, Portugal, Suíza, Brasil, Gran Bretaña, Uruguai, Francia, Polonia, Ecuador, México, Rusia, Sri Lanka, Estados Unidos, Alemaña, Turquía, Austria, Lituania, Bélxica, Arxentina, Irán e España.

Da obra do romano Pietro Gottuso, o xurado destacou que "é un álbum ilustrado sen palabras, unha narración gráfica que amosa o paso do tempo nos últimos 140 anos". A historia transcorre ante un edificio dunha cidade, baixo a mirada de Cronos, no que está situada unha libraría. Utiliza unha "técnica pictórica moi coidada, realizada en acrílico sobre madeira e con rigoroso debuxo", afirman.

Como obra finalista quedou a que leva por título Bóla, presentada por Maite Gurrutxaga Otamendi, de Euskadi. É un álbum que, segundo explica o xurado, "relata a historia dunha nena que se enfronta e supera os seus medos. Destaca a forza das imaxes, a sobriedade da cor (só tres) sobre un debuxo limpo e tamén a narrativa visual do álbum. Habendo outros libros sobre este tema, a solución final resulta moi creativa".

Ademais, o xurado determinou concederlle unha mención especial ao traballo presentado por Lucía Franco (Uruguai) e Natacha Ortega (Arxentina), pola obra "Pájaros". Salientan desta proposta "o valor do seu texto poético e musical en perfecta harmonía coa proposta gráfica.

O autor gañador
Pietro Gottuso naceu en Verona (Italia) en 1987. Graduouse primeiro en Filosofía (2007) e logo en Linguas Orientais Antigas (2015). Máis tarde, fascinado polo poder comunicativo das imaxes, decidiu realizar estudos nunha escola de ilustración (2017-2019) para lanzarse por completo ao mundo artístico.

Foi finalista no concurso Renner, Premio per il Contemporáneo, 2018, e finalista tamén no concurso internacional Humor a Gallarate XXIV Edition. Obtivo obra destacada no concurso convocado con ocasión da 30 Biennale Internazionale dell’Umorismo nell’Arte, que foi elixida como cartel do evento e finalista no concurso Premio di Illustrazione Sansperarte Paese Museo.

O xurado
O xurado desta edición estivo formado pola educadora e escritora Pilar Sampedro Martínez; a xornalista e libreira Paz Gil Soto; o pintor, deseñador gráfico e ilustrador Xosé Cobas Gómez; o ilustrador Alberto Urdiales Valiente, e a coordinadora de Kalandraka Editora, Manuela Rodríguez Lorenzo. Exerceu de secretaria Beatriz Morales, responsable do Departamento de Educación

Compartir: