TURISMO

O concelleiro de Turismo visita o belén de San Fiz

11/12/2020 O concelleiro de Turismo e Relacións Institucionais, Gumersindo Guinarte, visitou esta mañá o belén da igrexa de San Fiz de Solovio, acompañado polo chanceler secretario do Arcebispado de Santiago, Elisardo Temperán; a xerente do Mercado de Abastos, Marta Rey; o belenista José Uzal e os membros do Consello de Administración de Turismo de Santiago Marta Lois e José Antonio Constenla; así como a súa xerente, Flavia Ramil.

Durante o percorrido, Guinarte expresou a súa satisfacción pola acollida que ten o belén cada ano, e destacou que, en menos dunha semana dende a súa apertura, pasaron pola igrexa de Solovio dous mil visitantes, cumprindo coas medidas de seguridade que limitan o aforo a 50 persoas no interior. O ano pasado o belén foi visitado por máis de 25 mil persoas en menos dun mes.

O belén artesanal de San Fiz está composto por máis de 200 figuras de barro e lenzo pintado, feitas a man, arranxadas en diferentes escenas con movemento, iluminación e son. O seu creador é o belenista José Uzal e exponse nesta igrexa cada Nadal dende 2015 por iniciativa de Turismo de Santiago, coa colaboración do Arcebispado de Santiago, o Mercado de Abastos e o Colexio Maior de Santo Agostiño.

A exhibición do belén brinda ademais unha ocasión inmellorable para visitar a igrexa de San Fiz, fundamental na historia fundacional de Santiago; e para contemplar o seu tímpano gótico, que representa una fermosa Epifanía ou Adoración dos Magos.

Este Nadal Turismo de Santiago ofrece no minisite www.santiagoturismo.gal/nadal
toda a información sobre as actividades destas datas. Destacan, ademais do belén de San Fiz, a ruta Luces e Voces da Alameda, o Mercado da Estrela, as proxeccións de artistas galegos na Casa da Conga e outros beléns visitables de distintas características, ademais da programación cultural especial para toda a familia.

Belén artesanal da igrexa de San Fiz de Solovio
Visitable ata o 5 de xaneiro do 2021. Horario de visita: 4 a 22 decembro, de luns a venres: 11-13 / 17-19 h Sábados, domingos, ponte e previo ponte, festivos e vacacións de Nadal: 11-14 / 16-21 h. Datas especiais: 24 e 31 decembro: 11-14 / 16-19 h. 25 decembro e 1 xaneiro: 17-21 h

Compartir: