SEGURIDADE CIDADÁ

A Polícia local pon en marcha unha campaña de control do uso dos sistemas de retención infantil

09/12/2020 Co obxectivo de concienciar a pais e nais sobre a importancia da seguridade infantil no coche, o departamento de Educación Viaria da Policía local porá en marcha unha campaña, a partir do día 9 de decembro e durante unha semana, para lembrar cando e como se usan os sistemas de retención infantil (SRI) e as consecuencias de non facelo.

O uso de sistemas de retención infantil (SRI) no coche é obrigatorio para os menores de idade de estatura igual ou inferior a 135 centímetros de altura, que como norma xeral deberán situarse nos asentos traseiros. A non utilización dos SRI, ademais do perigo que conleva para os menores, pode accarrear unha multa de 200 euros e a retirada de tres puntos do permiso de conducir.

A campaña levarase a cabo nas escolas infantís de Salgueiriños, Vite, Fontiñas, Dolores Ramos, Casa do Neno e no CEIP de Roxos.

Recomendacións sobre o uso correcto dos SRI
- Debemos sentar o neno/a na cadeira do coche nun lugar onde non molestemos ao tráfico.
- Non debemos viaxar cun neno/a en brazos ou sentado sobre o noso colo, xa que en caso de accidente a gravidade fai que o seu peso aumente ata 20 veces e resulte imposible suxeitalo.
- Se deixamos ao neno/a a cargo doutra persoa, tamén temos que deixarlle a cadeira para o coche por se ten necesidade de desprazalo.
- A orde de situación do SRI dentro do automóvil, de maior a menor seguridade, é o seguinte:
Asento central traseiro.
Asentos laterais traseiros.
Asento dianteiro (co airbag dianteiro desconectado). Só está permitido cando o vehículo non dispoña de asentos traseiros ou cando todos os asentos traseiros estean xa ocupados por outros menores.
- Hai que comprobar, antes de adquirir o produto, que a cadeira de seguridade queda perfectamente instalada no noso automóbil.
- Debemos substituír a cadeira de seguridade por unha nova tras un accidente, se recibiu algún impacto.

Campañas de control do tranporte escolar e de alcohol e drogas
A semana pasada os controis da Policía local centráronse no transporte escolar. Inspeccionáronse un total de 30 autobuses en 11 centros educativos e denunciáronse catro, dous deles por mor de deficiencias leves e otros dous por carecer de autorización administrativa para realizar o transporte. Estas últimas denuncias serán remitidas á Delegación territorial da Dirección de Mobilidade da Xunta de Galicia.

Esta semana a Policía local tamén está realizando controis de alcohol e drogas, en colaboración coa DXT. A presenza de alcohol durante a condución, dependendo da taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. Esta substancia non só está relacionada cos accidentes, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

Compartir: