COMERCIO

O Concello achega 30.000 euros a Área Central para actividades de dinamización comercial

09/12/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá o convenio de colaboración co representante da comunidade de propietarios do Centro Comercial Área Central, Francisco Javier Suárez-Vence, para o desenvolvemento das actividades de dinamización comercial deste 2020, entre elas as de Nadal.

O convenio ten por obxecto o desenvolvemento dun programa de dinamización comercial dirixido ao barrio de Fontiñas, en particular, e a toda a cidade, en xeral, durante este ano 2020.

De cara ao Nadal, desenvolveranse dúas actividades: a pista de patinaxe sobre xeo e o servizo de empaquetado de agasallos. Tamén foron con cargo a este convenio a animación dos Reis Magos deste ano, o servizo de ludoteca "Ludoarte", a campaña de animación do Entroido e a VI Feira de minerais.

Para a colaboración na realización do programa obxecto deste convenio, o Concello de Santiago de Compostela, con cargo ao seu orzamento xeral para o ano 2020, achega á Comunidade de Propietarios Centro Comercial Área Central a cantidade de 30.000 euros.

O comercial está sendo, xunto coa hostalería e a restauración, o sector empresarial máis afectado pola crise económica derivada da COVID-19. Ditos sectores constitúen, ademáis, os de maior representatividade na cidade, en termos económicos e de emprego.

"Ante un escenario sanitario aínda non controlado, temos que ir dando pasos cara a unha recuperación económica", indicou o alcalde, "por iso cómpre apoiar zonas comerciais como a de Fontiñas", cuxo comercio de proximidade ou de barrio se atopa concentrado principal e maioritariamente en Área Central.

Área Central é o punto neurálxico da convivencia e dinamización veciñal e comercial do barrio, cun amplo programa de actividades durante todo a ano.

Compartir: