PROMOCIÓN ECONÓMICA

"De compras por Compostela", unha visión artística de presente e de futuro do comercio local

13/03/2007 Os concelleiros de Cultura, Néstor Rego, e de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, acompañados de representantes das asociacións de comerciantes da cidade, inauguraron na Praza Roxa a exposición "De compras por Compostela". A mostra, composta por vinte fotografías dun metro cadrado de superficie cada unha, reflicte a través dunha visión artística de presente e de futuro o dinamismo do comercio compostelán. A exposición clausurarase o 9 de abril.

Con "De compras por Compostela" inaugúrase un novo formato de exposición ao aire libre. O obxectivo da mostra é sacar o comercio á rúa para que os cidadáns sexan partícipes do espírito de innovación e da proxección económica e social do comercio de Santiago.

Se a importancia do sector comercial no pasado como motor económico e social queda reflectida na mostra "Historia do comercio en Compostela" (que se pode ver na Fundación Torrente Ballester ata o 9 de abril), con "De compras por Compostela" o comercio adquire protagonismo por él mesmo, como parte do presente e do futuro da vida diaria das persoas e da súa organización temporal e espacial dentro do contexto social da cidade.

"De compras por Compostela" está composta por dez fotos feitas por José Caruncho onde se reflicte a realidade e dinamismo da actividade comercial, e dez fotos obra de Fran Hervello que sintetizan a través dun elemento común, unha bolsa da compra, a variedade e o atractivo do comercio compostelán.

As exposicións "De compras por Compostela" e "Historia do comercio en Compostela" constitúen unha expresión concreta nun periodo de tempo determinado da campaña promocional "Compostela capital de compras". Incríbense nas actividades programadas para "Marzo, mes do comercio".

Compartir: