COMERCIO

Do luns 7 ao xoves 10 estará aberto o prazo para inscribirse no concurso de escaparatismo

04/12/2020 Un ano máis, o departamento de Comercio convoca o concurso de escaparatismo, no que se poderán inscribir os comercios da cidade dende o luns 7 de decembro ata o xoves 10 ás 15.00 horas.

Establécense dous tipos de premios, os do xurado e os do público.
En total, o xurado concede tres premios: primeiro, segundo e terceiro, dotados con tres mil, dous mil e mil euros, respectivamente; un premio ao Escaparate sostible de mil euros; e tamén pode conceder, se o considera oportuno, dous accesits de 500 euros cada un. Os premios outorgados mediante votación do público a través da páxina de Facebook do departamento de comercio, son dous: o primeiro, dotado con 2.000 euros e o segundo con mil euros.

O concurso de escaparates de Nadal ten como obxecto promover a creatividade dos comerciantes á hora de presentar os seus escaparates e produtos, fomentar a cultura da innovación e da calidade no sector comercial; contribuíndo así á súa reactivación económica de cara á campaña de Nadal.

Poden participar no concurso todos os comercios polo miúdo e negocios de servizos do municipio de Santiago que dispoñan de escaparate aberto ás rúas. No caso de que unha mesma persoa propietaria desexe participar con máis dun establecemento deberá presentar unha solicitude por cada un dos diferentes escaparates que opten aos premios.

O tema que deben desenvolver será o Nadal, con total liberdade en canto á súa interpretación, deseño, técnica e estilo. Na valoración dos escaparates terase en conta a integración dos produtos á venda; a composición do escaparate e a súa adaptación á temática de Nadal; a distribución dos elementos; a harmonía das gamas cromáticas, formas, texturas e materiais; a mensaxe ou idea que se transmite; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais; a invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción e mais o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final.

Inscrición
Os establecementos interesados deberán presentar obrigatoriamente a solicitude de participación no concurso por medios electrónicos, a través de formulario normalizado disponible. Se presenta a solicitude a través da sede electrónica do Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal) escolla o trámite "Solicitude de subvención" dentro do catálogo de trámites dispoñible."

Tamén deberán enviar entre unha e catro fotografías horizontais do escaparate. De xeito opcional, poderanse acompañar dunha memoria explicativa do concepto de escaparate e das técnicas ou materiais utilizados na súa execución. Esta memoria achegarase xunto coas fotografías e a través da mesma ligazón.

O prazo de presentación a concurso ábrese coa publicación oficial das bases, o luns 7 de decembro, e está previsto que remate o día 10 de decembro ás 15:00 horas.

As persoas participantes comprométense, entre outras condicións, a manter os escaparates decorados e visibles ao público ata o 5 de xaneiro de 2021 e a colocar un adhesivo de identificación visible no exterior escaparate.Os premios poderán ser declarados desertos.

Documentos relacionados



Compartir: