TURISMO

Compostela e QuFu avanzan na súa colaboración

13/03/2007 Unha delegación de arquitectos, enxeñeiros e historiadores da cidade chinesa de QuFu foi recibida en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela. Esta visita forma parte da colaboración entre estas dúas cidades irmandadas, ámbalas Patrimonio da Humanidade. O Concello de Santiago supervisa a reordenación turística e patrimonial de QuFu.

Tal como indicou o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, é a terceira visita dunha delegación desta cidade chinesa a Compostela. "Xunto con Rennes (Francia) e no marco do programa Ubs Heritage, Santiago colabora con QuFu no desenvolvemento do seu plan de ordenación urbana, na recuperación do seu casco histórico e nun plan de desenvolvemento turístico", indicou. Os representantes de QuFu estudaron varios modelos europeos e gustoulles o de Santiago "pola conxunción entre o desenvolvemento urbanístico e a conservación do patrimonio e pola unión entre o uso turístico e a protección dos bens culturais".

En particular, a achega do Concello consiste na elaboración dun Plan de Turismo en QuFu, que orientará a posta en valor turístico do patrimonio desa cidade. Este plan está na fase definitiva de definición de liñas estratéxicas.

As propostas compostelás para QuFu inscríbense no programa europeo Asia Urbs Heritage, que emprendeu diversas actuacións para a rehabilitación e preservación do casco histórico de QuFu, así como para a súa promoción turística, en momentos en que se aproxima a celebración dos Xogos Olímpicos de Beijing de 2008. Os plans están sendo desenvolvidos por Santiago de Compostela e Rennes dende 2005.

No mes de setembro de 2006, unha delegación santiaguesa, encabezada polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela, viaxou a QuFu para supervisar este plan. Ademais, nesa viaxe produciuse o irmandamento oficial das dúas cidades.

QuFu, situada na provincia china de Shandong, ademais de ser o berce de Confucio e meta da peregrinación ao templo deste filósofo, posúe un casco histórico recoñecido pola Unesco como Patrimonio da Humanidade dende 1986. Por este motivo, a preocupación dos expertos céntrase no desenvolvemento harmonioso da cidade e na valorización turística do seu patrimonio. O proxecto inclúe tarefas como a actualización do inventario patrimonial, un plan de conservación do centro histórico e un plan de promoción turística.

Compartir: