ALCALDÍA

Bando do alcalde sobre o uso peonil de varias rúas do Ensanche este Nadal

03/12/2020 Con data do 7 de maio mediante un bando desta Alcaldía acordouse o uso peonil durante as fins de semana das rúas de maior afluencia do Ensanche, co obxectivo de facilitar a mobilidade nesta crise sanitaria e de garantir o distanciamento necesario para evitar o risco de contaxio.

Nesta mesma liña, co fin de contar cun maior espazo para a necesaria socialización e, ao mesmo tempo, garantir o distanciamento imposto polas restricións derivadas da crise sanitaria, as rúas de Alfredo Brañas e do Xeneral Pardiñas serán de uso peonil dende o 4 de decembro de 2020 (a partir das 15 horas) ata o 11 de xaneiro de 2021. Esta medida non afectará á circulación das rúas perpendiculares (da República do Salvador e de Montero Ríos), que estarán abertas ao tráfico de vehículos.

En consecuencia, produciranse os cambios no transporte urbano que se detallan a seguir.

Suprímense as paradas:
673 Xeneral Pardiñas núm. 35 (liñas 5, 13, 15 C11 e P6)
674 Xeneral Pardiñas núm. 7 (liñas 5, 13, 15, C11 e P6)

Cambian as seguintes liñas:
Liña 5: Traxecto Rocha-Vite; desde República Arxentina desviarase pola praza de Puente Castro, rúa do Hórreo e fará o cambio de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual diante da ferraxería.
Liña 13: rematará o seu percorrido na Praza de Galicia, desde onde continuará de novo cara a Belvís.
Liña 15: Traxecto avenida de Barcelona-Campus Norte: desde República Arxentina desviarase pola praza de Puente Castro, rúa do Hórreo e fará o cambio de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual da ferraxería.
Liña P6.- Traxecto Rosa-Polígono do Tambre: desde República Arxentina desviarase pola praza de Puente Castro, rúa do Hórreo e fará o cambio de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual da ferraxería.

Tendo en conta que as paradas de transporte urbano que se eliminan na rúa do Xeneral Pardiñas son as más utilizadas da rede, en función dos patróns de carga que resulten do seu cambio á praza de Galicia poderá ser necesaria unha ampliación ou a delimitación de novas paradas, cuestións que se valorarán unha vez posta en funcionamento a medida.

As zonas de carga e descarga continuarán funcionando con normalidade e as persoas que residan nas rúas que pasan a ter uso peonil terán acceso aos seus garaxes.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2020

O ALCALDE
Xosé A. Sánchez Bugallo.

Documentos relacionados



Compartir: