ACCIÓN CULTURAL

O Teatro Principal acolle o 4 e 5 de decembro o "III Concurso de Canto Compostela Lírica"

03/12/2020 O Teatro Principal acolle, mañá venres, día 4; e o sábado, día 5 de decembro, o "III Concurso de Canto Compostela Lírica", presentado hoxe pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e por Jesús Couceiro, presidente da Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, organizadora do evento.

A esta terceira edición, presentáronse 89 solistas, procedentes de 16 países. Seleccionáronse 25 voces que actuarán mañá ante un xurado que deberá decidir cales pasan a final do próximo sábado. Tanto a seminifal com a final poderanse seguir a través de youtube nesta ligazón.

Segundo sinalou Mercedes Rosón, trátase dun proxecto que "se alimenta da colaboración" de entidades como a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Fundación José Otero-Carmela Martínez; e o Concello de Santiago, "que dá soporte ao concurso coa cesión de espazos para un evento que xa está totalmente consolidado".

Jesús Couceiro explicou que "neste 2020, o certame alcanza unha gran madureza, xa que se conseguiu duplicar o número de inscritos, ao pasar de pouco máis de corenta participantes en 2019 aos 89 inscritos de 16 nacionalidades diferentes nesta curso". Engade que "esta terceira edición non é só a edición de consolidación, senón tamén de expansión dun certame que está a ocupar un oco destacable no circuíto estatal grazas á gran resposta de cantantes procedentes dun gran número de países".

As 89 persoas inscritas proceden de 16 países diferentes: España, Colombia, Venezuela, Chile, México, Brasil, Serbia, Reino Unido, Portugal, Costa Rica, Croacia, Italia, Estados Unidos, Ucraína, Corea del Sur e Arxentina.

Premios
Este ano, o certame outorgará un primeiro premio, dotado con 4.000 euros e un segundo galardón, con 1.500 euros e tamén un recital remunerado. Ambos os dous premios, que contan tamén cun recital remunerado, serán financiados pola Fundación José Otero-Carmela Martínez. Ademais, as voces de orixe galega competirán tamén por un galardón específico, consistente nunha actuación remunerada patrocinada polo Consello da Cultura Galega.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá este venres 4 de decembro a partir das 17.00 horas a primeira fase eliminatoria, na que cada participante interpretará un aria de ópera fronte ao xurado, que se encargará de escoller os finalistas que pasarán á segunda e definitiva fase do concurso. Esta final celebrarase no Teatro Principal de Santiago o sábado 5 de decembro a partir das 19.00 horas e que determinará os tres galardóns polos que se compite neste concurso. O xurado estará presidido polo crítico Arturo Reverter e conformado por Joan Company, director dos coros da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Universidade das Illas Baleares; o pianista Maciej Pikulski, a crítica Victoria Stapells, a mezzosoprano Graziela Valceva Fierro e Celestino Varela, director xeral da Ópera de Oviedo. Actuará de secretario sen voz nin voto José María Miranda, secretario da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.

Voces escollidas
1. Rosa Gomariz Gavira (Madrid),
2. Vicent Romero (Valencia),
3. Vanessa Cera (Colombia),
4. Tania Lorenzo (Canarias),
5. Sara Bañeras (Valencia),
6. Paulina Guzmán (México),
7. Patricia Illera (Madrid),
8. Marta Bauzà Soler (Baleares),
9. Margarita Rodríguez (Baleares),
10. Lidija Jovanovic (Serbia),
11. Laura Orueta (Madrid),
12. Laura Cruz (Valencia),
13. Lara Sagastizabal (Euskadi),

Direccións relacionadas



Compartir: