DEPORTES

A Ciclocross Cidade de Santiago reunirá o 8 de decembro no estadio Verónica Boquete a máis de 300 participantes

02/12/2020 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; e Luis Neira Fontao, presidente do Club Ciclista Compostelano, presentaron a XIX Ciclocross Cidade de Santiago, que se celebrará no estadio Vero Boquete (antigo estadio de San Lázaro), o vindeiro martes, 8 de decembro, a partir das dez da mañá. Unha proba clásica, destacou Esther Pedrosa, que "ten moita tradición na cidade", na que participarán unhas 300 persoas, "aínda que non pode haber público" en cumprimento das medidas anticovid.

Este evento é terceira xornada puntuable autonómica da Copa Galicia de Ciclocross e tamén puntuable para a Copa de España. Está organizado polo Club Ciclista Compostelano, en colaboración co Concello de Santiago, a Xunta, e a Federación Galega de Ciclismo, representada, na rolda de prensa de presentación do evento, polo técnico Guillermo Sande Covelo. Unha cita que leva 20 anos celebrándose en Compostela.

Esther Pedrosa sinalou que no concello de Santiago, "seguimos apostando polo deporte, e a dar pequenos pasiños, abrindo a porta a deportes individuais que xa levan un tempo parados", a causa das medidas anticovid. Luis Neira Fontao agradeceu a implicación do departamento de Deportes con "esta proba", na que participan persoas procedentes das catro provincias galegas e de diferentes idades, que van desde os 14 ata os 69 anos.

O presidente do Club Ciclista Compostelano explicou que as competicións realízanse en catro mangas diferentes. A primeira, ás 10:00 h. , de cadete masculino e feminino. A segunda de master 50/60 e 30 ás 10:45 h.; a terceira, de master 40 ás 12:45; e a cuarta e última sería a competición junior e élite sub23, tanto na modalidade masculina como na feminina que está previsto que saia ás 14:00 h. . Para evitar aglomeracións, Neira Fontao sinalou que os premios entregaránse cando remate cada unha das categorías; e lamentou que non poida haber público na proba.

O ciclocross é unha disciplina ciclista, nacida a principios do século XX, que consiste en realizar un determinado número de voltas a un circuíto con tramos de asfalto, camiños, prados e terreos enfangados, e cunha serie de obstáculos (naturais ou artificiais) que obrigan a persoa participante a baixarse da bicicleta para sortealos. Debido ás súas características dispútase unicamente no outono e inverno. En Galicia, a tempada profesional é de setembro a febreiro. Neste caso, o evento abarca unha área de 15.000 metros cadrados, na que se distribúen as diferentes zonas delimitadas e os controis de acceso.

Para minimizar o risco de contaxio por COVID, a proba seguirá de forma estrita o "Protocolo de actuación para a volta da actividade ciclista fronte a Covid-19" da Federación Galega de Ciclismo e o "Protocolo Fisicovid-DXT galego XIX Ciclocross da ciddade de Santiago".

O control de aforo realizase únicamente por unha entrada para participantes, técnicos e auxiliares. A organización accederá ao evento por un lugar distinto e só habilitado para ese fin.

Os deportistas deberán contar con test PCR, antíxenos ou serolóxico negativos. Os participantes, auxiliares e técnicos teñen que pasar un control técnico, onde ademais de realizar unha comprobación de datos, tomaránlle a temperatura, e procederase á limpeza e desinfección de mans.

En todo momento manterase a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros. O recinto da proba divídese en catro partes, todas elas pechadas no seu perímetro para poder controlar os respectivos accesos.

Circuíto
O circuíto ten unha lonxitude de 2.500 metros en sentido circular, que discorren na súa totalidade parte por zona verde, situándose a meta e saída en Estadio Verónica Boquete. Conta cunha recta de 300 metros de asfalto.

Este circuito estará balizado cun peche perimetral de malla, que impedirá o acceso desde a zona de equipos sen pasar previamente polo control de acceso.

Compartir: