URBANISMO

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente a cuarta fase do despregamento de fibra óptica na Cidade Histórica

01/12/2020 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, a cuarta fase do "Proxecto de infraestutura de telecomunicacións para o despregue de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 4", que conta cun orzamento de execución material de 22.182,18 euros.

O proxecto contempla o despregamento da fibra óptica en:

Quinteiro das Rúa das Orfas, Cardeal Payá e Tránsito dos Gramáticos

Quinteiro da Rúa de Mazarelos e Tránsito dos Gramáticos

Quinteiro da Praza de Mazarelos e Rúa de Mazarelos

Quinteiro da Rúa de Mazarelos e Tránsito da Mercé

Quinteiro da Rúa da Ensinanza (números 4 a 14)

Quinteiro da Rúa Tras Salomé e Rúa da Caldeirería

Quinteiro da Rúa da Caldeirería, Cardeal Payá, Praza de Mazarelos e Praza da Universidade

Quinteiro da Praza da Quintana e Rúa da Conga

Quinteiro da Rúa da Conga, Praza de Praterías e Rúa de Xelmírez

Quinteiro da Rúa da Conga, Rúa de Xelmírez e Fontesequelo

Quinteiro da Rúa da Conga, Fontesequelo, Rúa do Preguntoiro e Praza de Feixoo

Quinteiro da Rúa de San Paio de Antealtares, Travesa de San Paio, Rúa do Preguntoiro e Praza de Feixóo.

Quinteiro da Rúa do Preguntoiro, Praza de Cervantes, Praza da Pescadería Vella e Travesa da Pescadería Vella.

Quinteiro da Praza da Pescadería Vella e Cantón de San Bieito.

O obxectivo, segundo o proxecto presentado, é dar cobertura ao 100% aos posibles usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a reducción do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada favorablemente, aínda que coas mesmas condicións que as anteriores fases, entre as que destacan:

As arquetas e canalizacións soterradas que requiran de excavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos de excavación deberán ser realizados polo Consorcio de Santiago.

Os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmobles.

As novas caixas ópticas terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.

O trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.

As tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento.

A nova rede debe ser compartida con empresas ou operadoradores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.

Outros asuntos informados favorablemente, e que entraron por urxencia, foron o proxecto que presentou o arquitecto contratado pola propiedade do Pazo de San Lourenzo para a reconstrucción, nese ámbito, da parte do muro que caeu o pasado venres, día 18; e a iluminación da fachada do Pazo de San Xerome, para pór en valor este monumento durante o Nadal.

Ademais, deuse o visto bo á colocación dunha bandeirola vertical de 513 x 70 cm. na fachada da Casa do Cabido, cun orzamento de execución material de 589,8 euros, solicitada polo Consorcio de Santiago de Compostela. Servirá para anunciar a oferta cultural que promove o citado organismo, evitando a utilización dos balcóns da fachada barroca.

Tamén se informou favorablemente a rehabilitación dun edficio de vivendas na rúa de Carreira do Conde, e a mellora da envolvente doutro inmoble localizado na mesma rúa; así como a execución dunha piscina nunha parcela privada na rúa do Olvido, e o acondicionamento dun local comercial na rúa Alfredo Brañas.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: