EMPREGO

Remata a edición máis virtual de Talentia

27/11/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e o ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, que asistiu de forma telemática, clausuraron o foro Talentia 2020, poñendo o broche final a unha edición especial marcada pola virtualidade a causa da pandemia. No acto tamén estivo presente o reitor da USC, Antonio López.

Na apertura do foro, o rexedor compostelán lembrou o xérmolo do actual Talentia, a Feira de Empego, nacida hai xa 10 anos pero que nos últimos tres, xa baixo a marca actual, experimentou unha importante mudanza "cunha aposta decidida pola innovación e o talento". E ampliou o radio de acción: de ser un evento centrado en Santiago pasou a converterse nunha feira de referencia no ámbito galego e no nacional. "Só o 10% dos participantes nas últimas edición foron de Compostela", engadiu.

Na liña dos ponentes, Sánchez Bugallo incidiu na necesidade de ver nas actuais circunstancias unha oportunidade de futuro, especialmente no ámbito da innovación e do dixital. "Isto chegou para quedarse", rematou.

Nesa mesma idea incidiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que apostou polo talento e a innovación como base para o emprego. "O talento vai seguir sendo a chave das portas que abren o futuro", remarcou.

Pola súa banda, o ministro de Ciencia e Innovación, que participou telemáticamente na clausura, destacou o importante papel que xogan iniciativas como o Talentia, "necesario punto de encontro que conecta administracións, empresas e profesionais cun claro obxectivo: que entre todos favorezamos o talento". Duque reivindicou o esforzo que realizaron empresas e administración para afrontrar os novos retos aos que obrigou a crise provocada pola COVID e reclamou un papel protagonista nestas circunstancias para a ciencia e a innovación, piares sobre os que debe sosterse "a recuperación económica".

Ponentes
No foro de clausura do Talentia puideron escoitarse conferencias como a de Juan Carlos Alcaide, experto en experiencia cliente, que falou da "actitude para superar a incerteza". "Misión C19. A ciencia ao servizo dunha vacina", foi a temática da intervención de María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e adscrita ao CiMUS.

Joaquín "Kin" Martínez, codirector do festival "O Son do Camiño" e presidente da Federación ES Música compartiu o devir dun sector tan afectado por esta crise como o cultural en "O cambio de paradigma do sector cultural". Sobre "O renacer do sector turístico" disertou Alberto Rodríguez Boó, Managing Director de Alda Hotels e pechou Margarita Álvarez, fundadora de Working for Hapiness e expresidenta do Instituto Coca-Cola da Felicidade cunha conferencia titulada "Deconstruíndo a felicidade en tempos de incerteza".

Compartir: