EDUCACIÓN E CULTURA

Trompicallo achega os títeres aos máis pequenos con "Nadarín"

12/03/2007 Uns 400 rapaces de 3 a 7 anos de 11 centros educativos participarán nas dúas sesións da obra de títeres "Nadarín", que se celebrará o martes 13 no Teatro Principal. O grupo Trompicallo encárgase desta proposta, que se achega aos máis pequenos cunha linguaxe puramente visual e musical a través de títeres planos que se moven cunha variña.

A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, acompañada de Mercedes Castro e Marian González, en representación de Trompicallo, presentou esta representación. Dura uns 50 minutos e está acompañada dunha unidade didáctica, para que os profesores poidan traballar na aula antes e despois do visionado da obra.

"Nadarín" é un pequeno peixe de papel, que consegue escapar da destrución e adentrarse no mar, converténdose ao intre nun peixe de verdade. Este é o punto de partida dunha obra que intenta mergullar ao espectador a través dun espazo amplo que recrea a sensación de inmensidade e profundidade do mar. Os títeres están animados por actores ocultos e, no caso dos peixes, son manipulados por varas, en cuxo extremo o peixe pode xirar sobre o seu propio eixe.

A obra reflexiona sobre o contacto social e intenta facer chegar aos máis pequenos, dun xeito doado e divertido, conceptos e ideas que teñen que ver coas relacións e coa posición do individuo ante o grupo.

Compartir: