URBANISMO

A Comisión asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente o proxecto de substitución das cubertas do Pazo de Raxoi

17/11/2020 A Comisión asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, a rehabilitación da cuberta do Pazo de Raxoi e o cambio de sala de caldeiras de gasóleo a gas natural, no mesmo inmoble; asi como a terceira fase do despregue da fibra óptica na cidade histórica.

O proxecto básico e de execución de substitución da cuberta do pazo de Raxoi conta cun orzamento de execución material de 571.515,34 euros, e un prazo de execución de seis meses. A intervención non producirá alteracións no volume do edificio, xa que a configuración formal da cuberta será a mesma que a actual.

O proxecto contempla substituír todo o material de cubrición das cubertas inclinadas, así como o revestimento e base dos canlóns de evacuación das augas, mantendo o trazado actual e intervindo na súa sección de tal forma que se facilite o seu futuro tratamento. Tamén se prevé a execución dun sistema alternativo que garanta a correcta evacuación das augas pluviais procedentes da cuberta, xa que o actual considérase que é insuficente. Ademais, levarase a cabo unha limpeza e restauración de toda a fábrica de pedra perimetral; e suprimirase unha bufarda ou casetón exterior de acceso á cuberta, por tratarse dun elemento descontextualizado e de escasa calidade. Sera substituido por unha nova rapela resolta con taboleiros de madeira, que permitirá o acceso á cuberta dende o interior do inmoble.

Tamén se informou favorablemente a renovación da sala de caldeiras do Pazo de Raxoi, situada na planta do segundo soto, e as zonas anexas precisas para o tendido da acometida dende a vía pública. Segundo o proxecto, que conta cun orzamento de 95.634,53 euros, e un prazo de execución de seis meses, substituiranse as dúas caldeiras de calefacción actualmente existentes, alimentadas por un depósito de gasóleo de 15.000 litros que vai ser eliminado, para instalar unha nova caldeira alimentada por gas natural.

A Comisión Asesora de Patrimonio Histórico tamén informou favorablemente a terceira fase do "Proxecto de infraestutura de telecomunicacións para o despregamento de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 3", que conta cun orzamento de execución material de 24.185,44 euros. O proxecto contempla o despreguamento da fibra óptica nas rúas de Entremurallas (números impares), Senra (números pares do 2 ao 16), Orfas, (números impares), Fonte de Santo Antonio (números impares), Rúa Nova, Rúa Tras Salomé (números pares), Rúa da Caldereiría, e Rúa do Castro, (números pares).

O obxectivo, segundo o proxecto, é dar cobertura ao 100% os posibles usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a redución do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada favorablemente, aínda que coas mesmas condicións que as anteriores fases, entre as que destacan:

- as arquetas e canalizacións soterradas que requiran de escavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos de escavación deberán ser realizados polo Consorcio de Santiago.

- os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmobles.

- as novas caixas ópticas terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.

- o trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.

- as tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento.

- a nova rede debe ser compartida con empresas ou operadoradores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.

Outros asuntos informados favorablemente foron a instalación dunha antena radioeléctrica no edificio de Correos, na Rúa do Franco; a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar na Rúa de San Lourenzo; a construción dun edificio para tres vivendas na Rúa Basquiños; e a instalación dunha rampla de acceso para a eliminación de barreiras arquitectónicas nun portal dun inmoble situado na Rúa Castiñeiriños.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: