PROMOCIÓN ECONÓMICA

Setenta e oito comercios ofrecerán os seus saldos en "Outlet Compostela"

12/03/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, presentou a primeira feira de saldos que se celebrará en Santiago, incluída no programa de dinamización comercial "Marzo, mes do Comercio". En "Outlet Compostela", que terá lugar o fin de semana do 17 e 18 de marzo no recinto feiral de Amio, participan 80 stands pertencentes a 78 comercios. Todos os cidadáns que queiran asistir dispoñen de autobuses gratuitos que sairán cada hora desde a Praza de Galicia coincidindo cos horarios de apertura da feira de saldos.

No recinto feiral de Amio habilitouse unha zona infantil, un espazo de xogos con servizo de gardería para que os máis pequenos poidan divertirse mentras os pais mercan con tranquilidade. Ás entradas á feira de saldos custan dous euros. Ademais, o xoves día 15 con "El Correo Gallego" e o venres 16 con "La Voz de Galicia" repartiránse entradas gratuitas xunto cun encarte adicado ao "Outlet Compostela".

A inauguración da feira de saldos, á que se prevé que asistan unhas dez mil persoas, terá lugar o sábado á unha da tarde, para non entorpecer a actividade dos establecementos comerciais ubicados en Santiago. Ás nove da noite "Outlet Compostela" pechará as súas portas, para volver abrilas o domingo entre as dez da mañá e as nove da noite.

Outlet Compostela é a terceira das actividades programada no marco de "Marzo, mes do Comercio". A primeira, a exposición "Historia do comercio en Compostela" inaugurouse o 8 de marzo na Fundación Torrente Ballester. O martes 13 de marzo inaugúrase outra mostra, "De compras por Compostela", na Praza Roxa. Ámbalas dúas exposicións permanecerán abertas ata o 9 de abril. Entre o 26 e o 31 de marzo desenvolverase na Fundación Torrente Ballester e no Centro Sociocultural do Ensanche "Aprende Mercando", unha actividade deseñada para que os máis pequenos se inicien no consumo responsable. A II Gala do Comercio Compostela Capital de Compras, que se celebrará o 30 de marzo no Auditorio de Galicia, pechará "Marzo, mes do Comercio". A gala é aberta ao público. Os interesados en asistir poden inscribirse na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio www.maiscompostela.org

Compartir: