XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba as subvencións ao deporte federado e as axudas á actividade cultural desenvolvida polo sector profesional

09/11/2020 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as subvencións destinadas ao fomento do deporte federado por un importe de 274.999,67 euros, das que se beneficiarán 56 entidades e clubes deportivos. Na reunión acordouse ampliar o prazo de xustificación destas axudas ata o 25 de novembro. Tamén se deu luz verde ás subvencións de apoio á actividade cultural desenvolvida polo sector profesional, adxudicadas a once entidades culturais por un importe total de 85.208,8 euros. O importe máximo da subvención, segundo as bases, era do 80% do orzamento da actividade cun límite máximo de 15.000 euros por entidade.

No apartado de contratación, o goberno municipal acordou adxudicar o contrato de iluminación de Nadal, a favor da empresa Iluminaciones Santiaguesas, SL. por un importe de 255.310 euros (211.000 euros máis 21% de IVE que ascende a 44.310 euros) ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas.

O executivo local tamén acordou conceder a Orange España Comunicaciones Fijas, SL. a licenza para realizar, conforme ao proxecto de infraestrutura de telecomunicacións, o despregamento de rede FTTH ORANGE/JAZZTEL na cidade histórica de Santiago de Compostela, FASE 2, cun orzamento de execución de 27.303,21 euros. O proxecto contempla o despregamento da fibra óptica en distintas rúas, como a Rúa do Vilar, Rúa Nova, Entrerrúas, Praza do Toural, Bautizados, Praza de Fonseca, Rúa do Franco, Rúa de Fonseca, Rua Raíña, Travesa do Franco, Rúa Rodrigo de Padrón, Entrecercas, Porta Faxeira, Avenida Figueroa, Campo da Estrela, Rúa Senra, Praza de Fonterrabía, Ruela do Peso, Cantón do Toural, Rúa das Orfas e Entremurallas.

Outra das propostas aprobadas foi o cadro de prezos para a realización de obras de acometidas e pequenas ampliacións de rede de abastecemento e saneamento para o ano 2021, que non sofren variacións respecto aos actualmente en vigor.

Tamén se acordou solicitar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o outorgamento da concesión demanial sobre os terreos e instalacións da estación de autobuses de Santiago de Compostela integrada na estación intermodal.

A maiores, deuse conta da sinatura do convenio entre o Concello de Santiago e COGAMI, para a anualidade 2020, por importe de 15.000 euros, para a colaboración nun programa experimental de emprego coas seguintes actividades: servizo de apoio técnico para a inclusión social a persoas e familias en situación de vulnerabilidade; intervencións específicas dirixidas á inserción sociolaboral e mellora da empregabilidade; e intervencións específicas dirixidas ao adestramento en competencias e habilidades de autonomía persoal e relación coas redes de apoio social.

Tamén se deu luz verde á proposta relativa á liberación de crédito remanente tras a resolución da convocatoria de "Axudas para a mellora e innovación do comercio local. Anualidade 2020". A Xunta de Goberno Local acordou liberar tres créditos remanentes, procedentes da resolución da convocatoria de axudas do programa "Coidar para mellorar", por un total de 49.982,02 euros. Segundo explicou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, este importe destinarase á dinamización do comercio local, concretamente á "programación de Nadal e a apoiar ao sector".

EVOLUCION DOS CONTAXIOS POR COVID-19
Sobre a evolución dos contaxios por COVID-19 en Santiago, Sánchez Bugallo confirmou que neste momento, "está sendo positiva", xa que a curva epidemiolóxica comezou a fase de descenso. Nos últimos días, informou, "os casos activos reducíronse nun 30 por cento, e nestes momentos estamos en algo máis de 300 por cen mil habitantes", unha cifra, engadiu "que se atopa significativamente por baixo da media española, que está por enriba dos 500 casos, e lixeiramente por baixo da media de Galicia", duns 360 casos, "situación na que non estabamos desde o mes de agosto".

Esta evolución, segundo o rexedor, é resultado "das medidas que estamos adoptando e do esforzo de toda a poboación". Sánchez Bugallo indicou que "imos seguir colaborando coa Xunta de Galicia, intensificando a presión, para que todos aqueles que teñen un comportamento insolidario e irresponsable sexan sancionados". Comportamentos como, engadiu, a non utilización da máscara, festas en pisos, etc. Tramitaranse, sinalou, as denuncias e sancións correspondentes "en cada un dos casos que se detecte esta infracción".

A preguntas dos xornalistas, o alcalde aclarou que a porcentaxe de incumprimentos das medidas anticovid "é moi baixo. En materia de mobilidade, esta sendo por debaixo do 1%; igual que a non utilización de máscaras". Sobre as festas en pisos, recoñeceu un repunte. "Esta fin de semana tivemos 10 festas; e a semana pasada foron 9. É evidente que estamos moi lonxe das 60 que se chegaron a denunciar" algunha semana, concluiu.

Documentos relacionados



Compartir: