XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local adxudica contratos por un importe superior aos 3,5 millóns de euros e acorda distintas medidas para dar cumprimento ás novas normas anticovid

06/11/2020 A Xunta de Goberno, reunida hoxe en sesión extraordinaria e urxente, adxudicou oito contratos de obras e de servizos por un importe superior aos 3,5 millóns de euros, IVE engadido. Tamén se analizaron as novas restricións adoptadas pola Xunta de Galicia para frear a cuva de contaxios da COVID19 e se acordaron distintas medidas para dar cumprimento á orde do DOG do 4 de novembro.

Sobre a prestación do servizo de transporte público urbano de viaxeiros acordouse dar cumprimento á previsión do artigo 3.25 da orde da consellería de Sanidade sobre aforos; e comunicar ás empresas de servizos que deben cumprir a citada normativa. En materia de educación, acordouse suspender as actividades organizadas polas ANPAS á marxe do proxecto educativo, ou que non fosen supervisadas pola dirección do centro. En relación co Mercado de Gando, solicitouse un informe urxente ao servizo de contratación para valorar a súa continuidade.

En canto ás medidas de aplicación no ámbito do deporte respecto do uso e ocupación das instalacións deportivas municipais acordouse:

Manter abertas as instalacións deportivas municipais únicamente para a práctica de actividade deportiva federada, individual ou colectiva, sempre que se adopten por parte das entidades solicitantes/usuarias as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Permitir a celebración de adestramentos e competicións deportivas oficiais nas instalacións deportivas municipais sempre que estos se desenvolvan sen público e dispoñan dun protocolo específico para a súa organización que teña en conta as normas de aplicación das autoridades deportivas e sanitarias.

De momento, os departamentos de Centros Socioculturais, Cultura, Políticas de Igualdade, Políticas sociais, así como Centro Xove, manteñen a programación prevista.

Todas estas medidas están supeditadas aos cambios e modificacións normativas que poidas xurdir como consecuencia da evolución epidemiolóxica provocada pola COVID-19.

CONTRATOS
Na Xunta de Goberno Local tamén se aprobou a adxudicación do contrato do servizo de limpeza nos edificios e instalacións dependentes do Concello de Santiago, por un importe de 2.654.740 euros, IVE engadido, que está previsto abonar en tres anualidades: 2020, 2021 e 2022. Era a oferta a máis vantaxosa das presentadas, comprometendo un abono dos gastos de desprazamento do persoal e unha bolsa de 500 horas gratuítas a disposición do concello.

Tamén se adxudicou o contrato de prestación do servizo para a coordinación e funcionamento da Casa das Mulleres Xohana Torres por importe de 47.976,5 euros, IVE engadido; e o servizo para a implementación do programa Compostela territorio das mulleres por 71.992,58 euros. Ambas actuacións forman parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O 20% restante apórtao o Concello.

Entre as obras adxudicadas figura a reconstrucción do muro na rúa Costiña do Monte, por un importe de 89.298,88 euros, IVE engadido; o contrato de execución das obras recollidas no proxecto "Prolongación da beirarrúa marxe pares (este) da Rúa do Tambre entre Meixonfrío e o polígono do Tambre" por 256.933,99 euros; a rexeneración e reforzo estrutural do pavimento da calzada da Rúa Santa Teresa de Jornet por 174.982 euros; as obras recollidas no proxecto "Senda peonil e reforzo da calzada en Paredes de Laraño" por un importe de 126.420 euros; e a mellora e acondicionamento do Centro Sociocultural da Peregrina por un importe de 104.323,07 euros,.

En materia de educación, autorizouse a sinatura de dous convenios de colaboración. O primeiro, co IES Rosalía de Castro mediante o cal o Concello de Santiago de Compostela achega a cantidade de 6.208 euros para sufragar os custes do Bacharelato internacional. O segundo, coa USC, polo que se achega unha cantidade de 1.000 euros para subencionar os custos do deseño, impresión e distribución do material divulgativo do Proxecto "Destacando na Ciencia, 2020", do programa universitario de maiores "IV Ciclo".

Documentos relacionados



Compartir: