MEDIO AMBIENTE

O Concello dalle a coñecer aos composteláns a nova Ordenza de convivencia, residuos e limpeza viaria

10/03/2007 A concelleira de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, presentou a campaña "Mima a túa cidade", coa que se quere concienciar aos máis pequenos sobre comportamentos responsables en relación ao medio ambiente. Ademais, xunto coa revista de información municipal, todos os fogares de Compostela recibirán un exemplar da nova Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria.

O obxectivo desta campaña, segundo a concelleira, é traballar "no respecto aos demais e ao noso patimonio, o cal nos fará máis libres a todos, nos dará maior calidade de vida e nos permitirá facer un proxecto de cidade sustentable entre todos". Deste xeito culmínase a posta en marcha da nova Ordenanza, que entrou en vigor o 19 de febreiro.

"Mima a tua cidade" ten unha parte de educación ambiental, da que se encargará Don Bosco e que se impartirá nos centros escolares. Trátase de unidades didácticas dirixidas a rapaces e rapazas de educación secundaria e bacharelato, para que entendan a importancia desta norma dende o punto de vista social e ambiental. A concienciación farase a través de xogos adaptados aos distintos tramos de idade: oca, trivial e rol.

Esta intervención compleméntase coa difusión de 1.000 catálogos de boas prácticas, que se distribuirán nos centros escolares, cos que se trasladará aos máis pequenos e con linguaxe sinxela as principais obrigas e deberes da norma. O fin é que dende novos lembren "que coidar a nosa cidade e respectar o medio ambiente é protexer o noso fogar", reza a mensaxe da campaña. Este catálogo aparecerá tamén en alfombriñas para o rato do ordenador.

Ademais desta campaña específica para os máis novos, a Concellaría de Medio Ambiente quere dar a coñecer a todos os vecinos de Compostela a Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria. Por iso, repartiranse nos fogares 36.000 exemplares da norma. Entregaranse conxuntamente coa última revista de información municipal.

Sancións

Marta Álvarez-Santullano aproveitou a presentación desta campaña para ofrecer os últimos datos sobre infraccións a esta norma. Así, indicou que, dende a entrada en vigor da norma, foron identificadas 101 persoas por orinar na vía pública. Destes, 95 eran homes e, agás catro, todos foron sorprendidos no Casco Histórico. Nos últimos xoves e venres producíronse 40 denuncias. Polo momento, non houbo reincidentes.

Compartir: