ACCIÓN CULTURAL

Os contos do Festival Atlántica regresan hoxe a Santiago cunha función infantil que se retransmitirá a través da rede de Centros Socioculturais

05/11/2020 Este xoves, 5 de novembro, os contos do Festival Atlántica volverán a Compostela para completar a súa oitava edición, interrompida de súpeto pola declaración do estado de alarma. Malia as restricións sanitarias vixentes, o veterano encontro de narración oral, no que colabora o concello de Santiago; ten previsto programar 24 espectáculos que se van desenvolver os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e mais o 5 e o 6 de decembro cun formato híbrido que compaxinará as sesións presenciais coas actuacións en liña.

En Santiago, a primeira cita será hoxe xoves, 5 de novembro, co narrador Fernando Saldaña, que brindará, ás 18:30 h., unha función en liña do ‘Peixe de ouro’, que se retransmitirá a través das redes dos centros socioculturais de Santiago de Compostela. Trátase dun espectáculo para nenos de entre 3 e 8 anos que está baseado no conto clásico co mesmo título. Nel nárrase a historia de avaricia dunha familia que, tras recibir un desexo por parte dun peixe, quere máis e máis e máis.

O salmantino Fernando Saldaña é, ante todo, e sobre todo, contacontos. Tamén é mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico. Saldaña ten traballado na radio e en televisións locais, foi deseñador gráfico, locutor, profesor de circo e de programas informáticos... Pero o que máis lle gusta é contar historias. A todos. Para todas as idades: desde os bebés ata os que hai tempo que chegaron aos cen.

Nos seus cofres, baúis e maletas ten contos gardados para todos e cada un. Saldaña asenta a narración nos obxectos cotiáns, nos xogos de maxia, en bonecos e monicreques, no seu corpo e na súa voz, para que o espectador viva cada unha das súas palabras, como el as goza cando sobe a un escenario ou se coloca diante do seu público nunha escola, biblioteca, xardín ou praza.

Tradición oral zamorana
Algo máis tarde, ás 20.30 horas, José Luis Gutiérrez ‘Guti’ levará ata o Centro Xove da Almáciga as súas ‘Historias de filandar’ (reserva anticipada en festivalatlantica.gal). Neste espectáculo o romance e o conto tradicional vanse zarrapicando da xeografía, da vida das cociñas, dos traballos do campo, das historias de vida de cada informante, e de cada vella que entra e sae do escenario da man deste zamorano. Funciona como un exercicio de agradecemento a quen lle regalou o testemuño dun mundo oral, e aspira a ser, para quen escoita, unha volta ao tempo feliz no que a palabra do vello era necesaria.

José Luis Gutiérrez é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Todos os contos e romances que usa recolleunos directamente de narradores tradicionais, os máis deles de anciáns do mundo rural cos que compartiu moitos bos intres. Procura conservar o carácter dialectal de cada narración e mais a atmosfera que envolvía o narrador tradicional, carente de artificios nun mundo sen tele nin radio. ‘Guti’ traballa principalmente no ámbito rural procurando dalgún xeito restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.

Entradas esgotadas
O Festival proseguirá nos vindeiros días con máis actuacións nos concellos de Ferrol, Ourense, Lalín, Pazos de Borbén, Brión, A Coruña, Teo e Vigo, alén de Santiago de Compostela. Algúns dos espectáculos xa teñen o cartel de entradas esgotadas, como no caso da función de Charo Pita, pero aínda quedan prazas para as restantes.

Outro evento que completou o seu aforo foi o de Pablo Díaz na Nave de Vidán (Santiago) pero por mor das novas restricións que entrarán en vigor o venres, a actividade vai ser adiada. As persoas que tiñan entrada terán preferencia para a nova data que será comunicada máis adiante pola organización.

A información sobre os artistas pódese consultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén están dispoñibles o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites das funcións presenciais.

Agás no caso de Ferrol e Teo, a maioría das funcións son, polo de agora, presenciais, pero dada a cambiante situación sanitaria, esta previsión está suxeita a modificacións. En todo caso, calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.

PROGRAMACION PARA O VENRES DÍA 6
As restricións que entran en vigor este venres non van impedir que os contos do Festival Atlántica tomen de novo a cidade picheleira. Tres narradores ben dispares, Noelia Carioca, Rubén Martínez e Charo Pita, protagonizarán tres sesións de historias para todos os gustos e públicos.

A primeira cita será con Noelia Carioca e co seu espectáculo ‘Contos e papaventos’ na Biblioteca Pública Ánxel Casal a partir das 18.30 horas. Esta narradora salmantina, co apoio de bonecos, obxectos e instrumentos musicais, vai ser quen de lles dar vida ás historias que brindará ao público para facelo voar alto coma os papaventos. Un espectáculo cheo de animais, poesía e ritmo para rir, soñar e gozar pensado para nenos de entre 3 e 8 anos. Aínda que a entrada é gratuíta, para asistir cómpre recoller o convite no mostrador de información 30 minutos antes do comezo da actividade.

Noelia González, alias ‘Carioca’, é licenciada en Pedagoxía, pero dende que descubriu o poder da palabra dedícase á narración oral. Leva os seus contos a escolas, bibliotecas, prazas e garderías, sempre coa a maleta chea de obxectos que toman vida nos seus espectáculos. Compaxina os contos coa docencia nunha escola de circo e coa interpretación.

Cuentería venezolana
Algo máis tarde, ás 20.30 horas, e no local Dospasos de Bertamiráns estará Rubén Martínez cunha sesión de ‘Cuentería’. Un espectáculo para adultos que consiste nunha selección de historias de seu no que este narrador venezolano amosa a súa visión absurda, máxica e extravagante do mundo.
Rubén Martínez é xornalista, músico, escritor, actor, contacontos e director do Festival de Narración Oral de Barcelona ‘Munt de mots’. Atesoura trinta e cinco anos de profesión, cheos de creatividade, traballo e moita imaxinación. Foi pioneiro da narración oral en Venezuela, Chile e Cataluña. Formador de narradores e narradoras orais no Programa Atrapa la Paraula, do Consorci de Biblioteques de Barcelona dende o ano 2002.

Contos na igrexa
Tamén ás 20.30 horas, pero na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, os amantes dos contos teñen unha cita con Charo Pita e co espectáculo ‘Baixo a lúa ás 20.30’, unha escolma de historias sobre os corpos que se abalan nas sombras, nas alegrías, nos medos e nos soños que nos desvelan. A ollada, o silencio e, como non, a palabra son os protagonistas destes relatos. Algúns deles proceden da tradición oral de lugares remotos e outros, da propia narradora, pero todos foron concibidos para gozar das noites de luar.

A galega Charo Pita naceu á idade de seis anos cando rematou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns premios literarios, o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 e no 2018, ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos, entre outros. Participou tamén en proxectos musicais e teatrais como na Nena e o grilo no país das apertas xunto a Magín Blanco, en Estamos no verán xunto a Xoán Curiel ou en No país do vento da man de María Faltri e Jorge Juncal.

Máis Atlántica, máis contos
O Festival proseguirá durante os días 7 e 13 de novembro e o 5 e 6 de decembro con máis actuacións noutros concellos galegos. A información sobre os artistas pódese consultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén están dispoñibles o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites.

Agás no caso de Ferrol e Teo, a maioría das funcións son, polo de agora, presenciais, pero dada a cambiante situación sanitaria, esta previsión está suxeita a modificacións. En todo caso, calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.

Compartir: