INFRAESTRUTURAS

A Rúa Berlín (Fontiñas) contará cun carril bici e con renovadas beirarrúas

10/03/2007 Despois de quince anos dende a súa inauguración, o barrio de Fontiñas vai ser sometido a novas obras de urbanización. Comezarán pola Rúa de Berlín, onde Concello investirá dous millóns de obras que afectará aos vieiros, ás beirarrúas e mesmo ao mobiliario. Unha das novidades será a creación dun carril para bicicletas.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo e o concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, explicaron estas obras, cuxo proxecto e prego de condicións será aprobado pola Xunta de Goberno do luns 12. O prazo de execución será de sete meses e as previsións son que as obras poidan comezar no verán.

Actuarase sobre 7.426 metros cadrados de beirarrúas, moi deterioradas nalgúns casos polas raíces dalgunhas árbores de crecemento rápido. Quedarán beirarrúas de seis metros, cunha iluminación moderna e totalmente renovada, e con bancos e papeleiras ao longo de toda a rúa. Isto complementarase coa plantación de tilias, plátanos e magnolios. En ningún caso esta intervención supón a eliminación de prazas de aparcadoiro.

Ao carón das beirarrúas habilitarase un carril de bici dun ancho de dous metros. Estará separado da zona de peóns por uns setos e levará unhas balizas que iluminarán o carril pola noite. As balizas tamén serán o método empregado para iluminar os seis pasos peonís que haberá na calzada. A mediana de separación quedará como unha zona verde con vexetación baixa.

Esta intervención aproveitarase tamén habilitar dúas illas de cinco contedores do lixo cada unha. Ademais, farase o entroncamento entre a Rúa de Berlín e a que conectará co polígono número 4. Alí construiranse unhas 200 vivendas e o proxecto de urbanización inclúe un gran parque e mesmo un lago.

A Rúa de Berlín será a primeira que se reurbanice, pero en breve se acometerá a renovación doutras rúas de Fontiñas. Seguirase o mesmo modelo que agora se inicia con este vieiro.

Compartir: