URBANISMO

O SUNP-1 de Meixonfrío achega 172 novas vivendas de protección oficial

10/03/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, vén de inaugurar o polígono SUNP-1 de Meixonfrío, que conta cunha superficie de 31.283,17 metros cadrados e que alberga un total de 172 vivendas, todas elas de protección pública. O orzamento para este polígono foi de 1.151.185 euros.

Da superficie total deste polígono, cuxa xestión correspondeu a Emuvissa, 20.332 metros cadrados eran edificables. O Sunp-1 alberga 172 vivendas de protección pública e consta, así mesmo, de dúas parcelas dotacionais, que terán un uso social e docente, segundo lles asigna o Plan Parcial.

Para a dotación docente, que albergará unha gardería, disponse dunha parcela de 2.012 metros cadrados. O equipamento social sitúase nunha parcela bisagra entre o núcleo de Meixonfrío e o ámbito da actuación, cunha superficie de 225 metros cadrados e unha edificabilidade de 360 metros cadrados.

Ademais, 10.698 metros cadrados están destinados a infraestruturas viarias e 6.166 a zonas verdes. As vivendas teñen 203 prazas de aparcamento, ás que se lle suman as 5 destinadas ao espazo cultural. As prazas do equipamento docente sitúanse na propia parcela.

As zonas verdes públicas están concibidas como espazos de estancia, debido á súa posición central e estruturante. Son de céspede e arborado, o que permite un uso flexible. Seguindo a filosofía do proxecto de urbanización, no que se tratan de minimizar as barreiras físicas, estas zonas plantéxanse como unha superficie continua sen saltos de cota bruscos, de maneira que a accesibilidade está garantida en todo o seu perímetro.

Ademais, procedeuse á construción de dúas novas rúas rodadas interiores que, xunto coa existente, resolve o sistema de circulación de vehículos. Estas rúas principais complétanse con dous vieiros de servizo para acceso aos garaxes e aparcamentos, e todo isto complétase cuns percorridos peonís que atravesan diversos espazos públicos.

O Sunp-1 de Meixonfrío limita polo norte coa rúa do Lindeiro, ao sur coas rúas Devesa e Tabaniscas, polo leste coa rúa das Pozas e coa rúa de Meixonfrío polo oeste.

Compartir: