ALCALDÍA

O alcalde amosa a súa satisfacción pola renudación das obras paralizadas na Cidade da Cultura

09/03/2007 Na súa habitual comparecencia antes os medios dos venres, o alcalde compostelán, Xosé A. Bugallo, expresou a súa "satisfacción" polo anuncio da Xunta de reanudar en abril as obras dos dous edificios que levaban paralizados 14 meses.

Para Sánchez Bugallo este feito non fai outra cousa que confirmar o "compromiso" expresado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, respecto a este proxecto. Ademais, insistiu na importancia desta decisión para a cidade.

Por outra parte, o alcalde felicitou ao concelleiro de Turismo, Francisco Candela, polo seu nomeamento como vicepresidente da Organización Mundial de Turismo "OMT". Afirmou que suponía un recoñecemento ao traballo de Candela e toda unha "honra" para Santiago.

Advertencia sobre a folga

O alcalde tamén aproveitou a súa comparecencia para advertir sobre a posible ilegalidade da folga que manteñen as empregadas da limpeza da empresa ISS, concesionaria do servizo de limpeza nas instalacións municipais. A razón podería estar no feito de que a folga afecta "unicamente a un cliente" de todos aos que prestan servizo estas traballadoras.

Sánchez Bugallo reiterou a "imposibilidade legal" do Concello de ser parte neste conflito e instou a empresa e traballadoras a chegar a un acordo. En ningún caso, dixo, o Concello aboará ningunha cantidade a maiores para rematar coa folga ou "asumir as perdas" motivadas pola mesma..

En calquera caso, recordou que a empresa ISS está a estudiar a posibilidade de denunciar a folga por ilegal. Neste sentido –engadiu- as consultas xurídicas realizadas polo Concello apuntan que efectivamente a convocatoria podería estar non axustada a dereito.

Ademais, lembrou que as traballadoras que diariamente se concentran na Praza do Obradoiro "incumpren a normativa de ruído". Ante isto, os responsables municipais optaron ata agora "polo mal menor" á hora de adoptar outro tipo de decisións.

Compartir: