CULTURA

Zona C, un espazo para os novos creadores

09/03/2007 Zona C é o nome dun novo espazo para a creación artística que xorde en Compostela. Nace en San Domingos de Bonaval, na antiga sede dos ensaios da Banda Municipal.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo inauguraron esta Zona C, ideada para "acoller conferencias, actividades musicais diversas, e funcionar como espazo expositivo de artes plásticas", segundo indicou o primeiro. Este novo espazo sitúase nunha zona de referencia, próxima a dous centros de actividade cultural como o Museo do Pobo e o CGAC.

Rego tamén adiantou as actividades coas que será estreado este novo espazo: a exposición "O debuxo por diante", na que colaboran Auditorio, Fundación Granell, CGAC e USC, e que será inaugurada o 13 de marzo. O 26 comezará unha mostra de escultura contemporánea, e o 4 de maio, inserido no ciclo Composjazz, poderase escoitar ao Quique Azambuya Trío. O día 8 dese mesmo mes inaugúrase unha mostra do artista Suso Fandiño, e do 28 de xuño ao 2 de setembro, oportunidade para achegarse á arquitectura galega a través dunha nova exposición.

Do 13 de setembro ao 28 de outubro, Mauro Trastoy expón as súas obras. Tamén colaboran coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade na difusión dos novos valores das artes plásticas, expoñendo as obras do certame Gz Crea. Igualmente, o artista Santi Jiménez, gañador do segundo premio no Certame de Novos Artistas do Auditorio, exporá a súa obra nesta sala de usos múltiples. "Este novo espazo continúa na liña de acción de asentar Compostela como cidade creadora e como capital cultural europea", dixo o conceleliro.

Pola súa banda, Ánxela Bugallo salientou que Zona "C" é a totalidade do espazo, non soamente a sala, senón todo o marco referencial para a cultura no que se inscribe, que ademais, como parte da zona vella da cidade, ten unha situación óptima para o público. "Aos "ces" de cultura, creatividade, etc., temos que engadirlle o de colaboración, xa que este foi un proxecto froito do entendemento entre a Concellaría de Cultura e a Consellería de Cultura e Deporte", engadiu.

Compartir: