COMERCIO

O comercio de Santiago dixitalízase

21/10/2020 A Asociación Comercio Punto Compostela presentou esta mañá a plataforma www.elcomerciodesantiago.com , que aglutinará as propostas dixitais da asociación. No acto participou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, así como o presidente do colectivo, José Antonio Seijas Castro, que estivo acompañado do seu homólogo na Federación Galega de Comercio, José María Seijas López.

A plataforma www.elcomerciodesantiago.com nace co principal obxectivo de achegar ás empresas asociadas, máis de 100 actualmente, un sistema para incorporarse á venda online, mellorando a súa competitividade e ampliando os seus mercados, ao tempo de poder sumar outro espazo físico onde ter os produtos á venda as 24 horas do día, co mínimo investimento e menor esforzo. Ademais, os asociados a Comercio Punto Compostela contarán cun sistema para fidelizar os seus clientes, aumentando a súa competitividade.

O alcalde de Santiago felicitou á Federación Galega de Comercio e á Asociación Comercio Punto Compostela pola inicitiva que non só contribúe "a facer comercio, senón tamén a facer cidade". Porque, continuou o rexedor, "una cidade non ten sentido sen un comercio activo".

Na presentación incidiuse na necesidade que ten o sector de adaptarse aos cambios tecnolóxicos que se están a producir e que están influindo profundamente no xeito de vender, comprar, informarse e promocionar os negocios; máis aínda agora coa crise da Covid19.

De aí a necesidade e oportunidade das ferramentas que hoxe se presentaron, que permitirán establecer vendas e vínculos comerciais cun público potencial moito maior ao do ámbito local, así como reforzar as compras na tenda física coa clientela habitual.

Compartir: