ALCALDÍA

Santiago acollerá a maior reunión de estudantes de odontoloxía

09/03/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu á presidenta do XIV Congreso ANEO (Asociación Nacional de Estudantes de Odontoloxía), Gema Arias. O obxectivo desta xuntanza era dar a coñecer os preparativos do que será este congreso, que reunirá do 17 ao 21 de xullo de 2007 a estudantes de odontoloxía de toda España.

A Asociación Nacional de Estudantes de Odontoloxía naceu en 1989 e agrupa a asociacións locais de oito facultades públicas de España, entre elas a de Santiago. O seu obxectivo é promover e representar os intereses dos seus estudantes. Para o cumprimento dos seus fins, entre outras actividades organizan un congreso nacional e editan unha revista cunha tirada de 4.000 exemplares.

O Congreso ANEO volve nesta edición a Santiago tralas edicións celebradas en 1995 e 2002. Será un punto de encontro de estudantes de odontoloxía españois e europeos e un foro de debate sobre os problemas que afectan a este colectivo.

Compartir: