EDUCACIÓN

Uns 4.500 escolares da bisbarra compostelá participarán na VII Campaña de Animación á Lectura

09/03/2007 A Concellaría de Educación e Mocidade e a editorial Kalandraka poñen en marcha un ano máis a Campaña de Animación á Lectura, que se celebrará na Galería Sargadelos do 26 de marzo ao 5 de maio. Co lema "Ler: unha aventura diferente", o programa de actividades inclúe sesións de contacontos, obradoiros de ilustración e de banda deseñada, exposicións, actividades nas librarías da cidade e sesións para as familias. Uns 4.500 escolares de Compostela e da bisbarra están chamados a participar.

O primeiro acto celebrarse o 26 de marzo, ás 18:30 horas. Consistirá nunha presentación ao profesorado, na que se lles explicarán as liñas básicas da campaña, para que poidan facer un traballo previo nas aulas cos seus alumnos.

Unha das novidades da campaña será a charla-coloquio que se celebrará o 29 de marzo, dirixida a educadores e profesionais que traballan con colectivos sociais específicos o con nenos con necesidades educativas especiais.

A sesión de contacontos inaugural, á que están convidados o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, será o 27 de marzo. Tamén incluirá unha visita guiada polas exposicións. Acudirán o deseñador Marc Taeger e o debuxante Kiko Dasilva, que imparten os obradoiros de ilustración e de banda deseñada, respectivamente.

Ademais, haberá dúas charlas para pais e nais sobre os recursos que poden aplicar para animar a ler n o fogar e n contorno familiar, como a tradición oral, os contos populares e de creación, os libros máis recomendados para os cativos nos seus primeiros anos de vida ou a importancia das imaxes e das texturas para a educación sensorial. A primeira será o 19 de abril na Escola Infantil Municipal de Conxo e a seguinte celebrarase o 5 de maio na Galería Sargadelos.

Obradoiros, actividades nas librarías e exposicións

Os artistas Marc Taeger e Kiko Dasilva impartirán cadanseu obradoiro de ilustración e de banda deseñada, os días 10, 11 e 30 de abril e o 2 e o 4 de maio, para alumnos de segundo e terceiro ciclo de Educación Primaria.

Tamén se celebrarán actividades nas librarías da cidade para fomentar o achegamento da comunidade escolar e da cidadanía ao libro e á lectura. Diversos autores e ilustradores participarán en presentacións e sinaturas da súas obras, obradoiros para o público infantil e sesións de contacontos.

Entre os libros que formarán parte das exposicións figuran títulos como "Smara", escrito por Paula Carballeira e ilustrado por Carole Hénaff; o libro-cd "Solaina", do grupo galego Na Virada, e ilustrado con placas de cerámica polo artesán Francisco Pérez Porto; "A banda de Vilacendoi", de Xulio Gayoso; e "Un agasallo diferente", escrito por Marta Azcona e ilustrado por Rosa Osuna.

Compartir: