ACCIÓN CULTURAL

Reactívase o Consello municipal da Saúde

07/10/2020 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presidiu onte a xuntanza do Consello municipal da Saúde, que se reactivou trala renovación dos seus membros, obrigatoria cada catro anos, e tralo parón imposto pola pandemia.

Precisamente, un dos temas abordados foi a situación de Santiago a respecto da COVID-19. O representante da Xerencia da Área Sanitaria informou o resto dos membros do Consello dos casos activos no municipio, que indican unha certa estabilización.

Así mesmo, tratouse o desenvolvemento do Plan municipal de drogodependencias 2018-2021. O responsable da UMAD fixo un repaso das actuacións realizadas e das que se van realizar de aquí ata o remate do vindeiro ano.

Por parte do Colexio de Médicos, o seu representante presentou o programa "Risco cero", que busca concienciar a poboación máis nova sobre as enfermidades de transmisión sexual e cuxa posta en marcha se viu paralizada pola pandemia.

Ademais, activouse a realización dun "Mapa de activos comunitarios", a petición dos médicos de atención primaria, que ten como obxectivo faciliar o coñecemento por parte destes profesionais dos servizos que prestan os e as traballadores e traballadoras sociais.

Compartir: