ACCI'ON CULTURAL

A Banda Municipal e Abraham Cupeiro farán viaxar o público arredor das músicas do mundo

07/10/2020 Este domingo, a Banda municipal de Música contará cunha colaboración de excepción: o músico Abraham Cupeiro, que traerá ao Auditorio de Galicia o seu espectáculo Pangea. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou o concerto en rolda de prensa acompañada do propio Cupeiro e do director da Banda, Casiano Mouriño.

Mercedes Rosón agradeceu ao saxofonista a súa presenza e definiu Pangea coma "un espectáculo didáctico e ameno que nos achega a outras culturas", con música orixinal de Abraham Cupeiro e María Ruiz e que foi gravado coa Royal Philarmonic de Londres nos estudos Abbey Road.

En palabras de Cupero, "a viaxe que propomos con este concerto é a unión mediante a música das diferentes partes do planeta, un canto á diversidade cultural", un crisol, sinalou "de cores e sonoridades".

Durante o concerto soarán desde a austral Oceanía cos ecos das súas caracolas, ata as misteriosas montañas chinesas que o son do Hulusi debuxa coas súas melodías; grandes chairas como as de Norteamérica, selvas como as de Sudamérica, a frauta Peule de Senegal, a Gaita Búlgara, a desafiante Zurna e as milenarias cornas de pastor coserán o vestido que unirá unha vez máis as distintas terras do mundo.

O concerto está reforzado con proxección de imaxes creadas ex profeso, convertendo Pangea nun espectáculo didáctico, ameno e divertido.

Neste espectáculo, engadiu Cupeiro, "conflúen tamén non só aspectos xeográficos de como se forma o planeta, se non tamén aspectos culturais onde a música non entende de fronteiras". Un canto, concluiu, "á necesidade do ser humano de expresarse na linguaxe máis anterga que temos os seres humanos, que é a música".

ABRAHAM CUPEIRO
Como músico, Abraham Cupeiro é a expresión da versatilidade. Aínda que a súa formación é clásica, sempre sentiu atracción por todo tipo de músicas. Así, desde os inicios na música, formou parte de grupos de folk, jazz, música antiga…A súa curiosidade e inquietude proporciónanlle unha visión poliédrica da arte musical e unha gran experiencia en diferentes campos: organoloxía, interpretación historicamente informada, construción de instrumentos, composición, e sobre todo imaxinación.

Abraham tocou como solista en diferentes orquestras, entre as que se inclúen a Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia, Oviedo Filharmonía, Orquestra de Vaasa (Finlandia), orquestra de Castelló, entre outras.

Compartir: