CONSORCIO

O Consorcio adquire a Selva Negra para cederlla ao Concello e convertela nun gran parque forestal público

09/03/2007 Os catorce propietarios da Selva Negra asinan un convenio de cesión e compra desta co alcalde e presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo, por un importe de 4.116.000 euros. Esta superficie destinarase a parque forestal de uso público e de titularidade municipal.

Unha vez adquirido o terreo, o Consorcio cederá este espazo, de 207.088 metros cadrados, ao Concello de Santiago, que o converterá nun gran parque forestal público. A cesión é por 30 anos, aínda que a intención é que a Selva Negra pase á titularidade municipal de xeito permanente. O convenio deberá ser ratificado pola Xunta de Goberno do Concello. Logo será sometido a exposición pública durante un mes.

O Concello acometerá unha intervención sinxela neste espazo, para convertelo nun gran parque público. Entre as obras previstas figura a consolidación dos actuais muros de pedra de mampostería, nalgunhas zonas con sillería, e da fonte, bancos e escaleiras de canteiría, que presentan un indubidable valor arquitectónico dentro da mesma finca. Outro dos seus atractivos reside na carballeira que ocupa 48.000 metros cadrados. Nesta fraga existen carballos centenarios cunha media de grosor de diámetro entre 50 e 100 centímetros. O resto componse de eucaliptos e piñeiros.

A Selva Negra unirá deste xeito a área recreativa da Granxa do Xesto coa estrada de Figueiras, o que permitirá incrementar a superficie do Parque Forestal do Pedroso en máis de dous millóns de metros cadrados.

Compartir: