POLÍTICAS SOCIAIS

Achega municipal de 200.000 euros a cinco entidades sociais

01/10/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, asinou os convenios de colaboración correspondentes a 2020 coas entidades sociais FEAFES, Banco de Alimentos, Xoán XXIII, Cruz Vermella e Fundación Andrea.

En total os convenios asinados suman un montante de 203.000 euros que se reparte do seguinte xeito: FEAFES recibe 60.000 euros; a Asociación Banco de Alimentos, 5.000 €; 60.000 son para o Centro Cultural Social Xoán XXIII; Cruz Vermella recibe 75.000 euros; e a Fundación Andrea, 3.000.

A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, agradeceu o enorme esforzo que están a desenvolver estas entidades, especialmente "no momento difícil que estamos a vivir", e puxo de manifesto a intención do Concello de seguir traballando conxuntamente con elas no futuro.

FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS DE FAMILIARES E PERSOAS CON ENFERMIDADE MENTAL DE GALICIA (SAÚDE MENTAL FEAFES- GALICIA)
O convenio subvencionará o programa "Atención a persoas con enfermidade mental crónica e a persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión", que trata de dar resposta á situación de carencia de necesidades básicas, entre elas a vivenda, pola que atravesan as persoas con enfermidade mental en grave risco de exclusión, as súas familias e as persoas con enfermidade mental en xeral en Santiago de Compostela.

A actuación fundaméntase principalmente na intervención directa e na coordinación e derivación aos recursos da comunidade para o tratamento destas patoloxías e a atención das súas necesidades. O fin da proposta é contribuír a mellorar a atención social e sanitaria destas persoas e súa calidade de vida.

ASOCIACIÓN BANCO DE ALIMENTOS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
O proxecto subvencionado consiste na conservación e doazón dos alimentos a todas as entidades benéficas sen ánimo de lucro do municipio de Santiago de Compostela para o seu posterior reparto ás familias necesitadas e ás entidades de consumo. O obxectivo fundamental, cubrir as necesidades alimentarias da poboación máis desfavorecida do concello.

CENTRO CULTURAL SOCIAL XOÁN XXIII DE SANTIAGO
O convenio financia o servizo de aloxamento e acollida nocturna e diúrna, atendendo ás necesidades básicas en cada caso concreto, que presta o albergue de Xoán XXIII.

Búscase prestar a atención que precisan as persoas usuarias en canto a aloxamento, hixiene, roupeiro, alimentación, formación, información e asesoramento, derivación e atencións no ámbito laboral, xurídico, sanitario, etc. Lévase tamén a cabo atención ás familias coa distribución de alimentos procedentes do Banco de Alimentos e con packs de emerxencia xerados con produtos derivados doutras doazóns e que, baixo entrevista previa e recollida de documentación da persoa solicitante, se facilitan unha vez ao mes.

O programa procura promover á persoa para a colocación no mundo laboral, incidindo na formación para mellorar as súas opcións de atopar un traballo.

CRUZ VERMELLA ESPAÑOLA
Con este convenio, Cruz Vermella desenvolve os programas Enrédate, Teleasistencia domiciliaria e Atención a persoas sen fogar.
O proxecto "Enrédate" está destinado a mellorar as relacións sociais das persoas maiores no seu entorno próximo e comunitario. Parte da participación social como base para o afrontamento da soidade. A finalidade que pretende é o mantemento das persoas maiores no seu domicilio o maior tempo posible.

O Servizo de Teleasistencia domiciliaria consta dun terminal e un pulsador que conecta dende calquera estancia do domicilio na que se atope a persoa usuaria co persoal profesional as 24 horas do día, os 365 días do ano, facilitando unha resposta e intervención inmediata ante calquera necesidade. O pulsador, que pode levarse colgado ou no pulso, é importante levalo posto sempre que se estea no domicilio, incluso na ducha, xa que é impermeable.

En canto ao programa de "Atención ás persoas sen fogar", as actuacións definidas por parte do equipo profesional contemplan unha intervención integral e de urxente necesidade, facilitando distintas alternativas que permitan diminuír a estancia de persoas en situación de rúa, fomentando accións de promoción da saúde e autocoidados. Estas intervencións desenvólvense tanto na Asemblea de Cruz Vermella como na propia rúa, grazas ao equipo que realiza o seu itinerario nas distintas zonas nas que se encontran as persoas sen fogar.

FUNDACIÓN ANDREA
Finánciase o tratamento psicoterapéutico para as familias con fillos/as con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. A intervención divídese en tres áreas para poder sobrelevar dunha mellor maneira a enfermidade dos pequenos: intervención directa só cos nenos e nenas; intervención familiar onde se imparte a actividade conxunta co neno ou nena e familia; intervención grupal onde interactúan con máis familias que teñen unha situación parecida.

Os obxectivos, aprender a sobrelevar múltiples situacións realmente adversas que no día a día se lles poidan presentar; proporcionar uns recursos emocionais que lles permitan sobrelevar circunstancias desestabilizadoras dun modo máis positivo; resolución de problemas, asumir e saber vivir coa enfermidade.

Compartir: