ALCALDÍA

Chamamento do alcalde á responsabilidade dos máis novos ante o aumento de casos tralo comezo do curso universatario

28/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, aproveitou a rolda de prensa da Xunta de Goberno local para facer un novo chamamentos á responsabilidade no cumprimento das medidas anti-COVID, en especial dos máis novos.

Aínda que, segundo o rexedor, os datos da semana pasada "non son dramáticos", si son "un motivo de preocupación". Na cidade de Santiago produciuse un incemento dos casos activos e dos 180 por 100.000 habitantes situámonos agora en 200. "Estamos por debaixo de boa parte das cidades galegas", indicou Bugallo, "pero indica unha tendencia".

Sánchez Bugallo lembrou que as medidas hai que cumprilas a todas horas, tamén "fora do horario no que funciona a hostelería" e fixo fincapé en que a Policía local seguirá actuando para impedir que se celebren botellóns e acudindo aos pisos. A este respecto, o alcalde revelou que mantivera una conversa co vicepresidente da Xunta para solicitarlle a axuda da administración autonómica á hora de poder aplicar unha normativa máis rigorosa. Polo de agora, as festas en pisos sáldanse con propostas de sanción por incumprimento da ordenanza de ruídos, que recolle multas de 200 euros se non se é reincidente. "Esta sanción non é disuasoria", recalcou Bugallo, que reclama que ese comportamento se poida sancionar por ameaza á saúde pública.

Sobre a tramitación, o alcalde cre que o máis convinte para que estas propostas de sanción vaian adiante sería que o Concello actuase como a administración denunciante e a Xunta, como a instruínte. A Policía local acudiu a 7 pisos na noite do venres e a 12, na noite do sábado.

Compartir: