MEDIO AMBIENTE

Reunión do grupo de traballo local do proxecto europeo Tropa Verde

22/09/2020 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, participou hoxe na reunión do grupo de traballo local do proxecto Europeo Tropa Verde. Técnicos dos departamentos de centros socioculturais, medio ambiente e servizos básicos realizaron unha posta en común dos avances acadados ata o momento polo programa e profundaron en novas fórmulas de colaboración.

O proxecto "Tropa Verde", unha plataforma web creada pola empresa Teimas Desenvolvemento, ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía, premiando de xeito directo as boas accións medioambientais. Para iso son necesarios tres elementos: a cidadanía, os espazos onde depositar os residuos, nos que premiarán estas boas prácticas con cheques-agasallo; e os comercios e establecementos de hostalería que colaboran aportando premios e/ou descontos.

As persoas interesadas neste proxecto poden depositar os refugallos en distintos Centros Socioculturais da cidade. Segundo o volume e os residuos depositados (pilas, aceite, etc.) reciben uns vales que despois poden descontar nos establecementos asociados ao programa. A través do proxecto Tropa Verde, que desenvolve a concellaría de Medio Ambiente que dirixe a concelleira Mila Castro, e en colaboración co departamento de Centros Socioculturais, Santiago lidera unha das 25 redes de transferencia do programa europeo URBACT III 2014-2020: a de intercambio de aprendizaxe para o desenvolvemento urbano sustentable e integrado.

Compartir: