ALCALDÍA

O alcalde e a conselleira de Infraestruturas supervisan as obras do Camiño na contorna da Capela de San Marcos e na baixada do Monte do Gozo

18/09/2020 Xosé Sánchez Bugallo e Ethel Vázquez, acompañados polos concelleiros José Antonio Constenla (PP), Jorge Duarte (CA) e Goretti Sanmartín (BNG), visitaron esta mañá as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño de Santiago na contorna do Monte do Gozo, que se atopan ao 98% da súa execución, a falta só dos remates de xardinería e pintura.

Estes traballos enmárcanse no proxecto para mellorar as entradas das rutas dos Camiños de Santiago á cidade de cara ao Ano Santo 2021. O alcalde quixo salientar que "é importante que traballemos conxuntamente e que todos sumemos para conseguir que o ano 2021 sexa moi bo e para conseguir transmitir á sociedade que a pesar do escenario no que estamos, seguimos preparándonos para que o ano que vén sexa fantástico". Lembrou o rexedor que, a pesar das circunstancias que vivimos, o Camiño de Santiago segue vivo. "O ano que vén centos de miles de persoas van vir a Compostela e a Galicia. O Camiño é a gran referencia de Galicia cara ao resto do mundo, é a nosa referencia máis universal e máis histórica e, sobre todo, é unha referencia cargada de futuro".

Pola súa banda, a conselleira fixo fincapé en que estas actuacións son estratéxicas para preparar Compostela para o Xacobeo máis necesario, "coa fin de potenciar o turismo e contribuír á recuperación da economía".

O proxecto
O proxecto céntrase na reordenación da contorna de baixada do Monte do Gozo ata o paso coa estrada N-634, sobre a AP-9, permitindo gañar espazo para os peregrinos e os veciños da zona.
No treito inicial da intervención creouse unha nova praza con árbores autóctonas e con iluminación que resalta elementos singulares como a entrada ao adro da Capela de San Marcos. Tamén se retiraron os eucaliptos da traseira, conformando un espazo que se integra co resto do Monte do Gozo.

Ademais dispúxose unha senda de baixada, a partir do adro da capela, que atravesa a carballeira e continúa o seu trazado paralela á estrada, separada desta por unha franxa verde. No núcleo de San Marcos, executouse unha plataforma continua de formigón para favorecer unha convivencia harmónica entre peregrinos, veciños e vehículos, coidando especialmente o espazo fronte ás vivendas.
No treito final, nas inmediacións coa estrada N-634, substituíronse as escaleiras por unha pasarela para salvar o desnivel entre a rúa do Gozo e a vía. Na parte inferior, configurouse un espazo que sirve de antesala aos que percorran a nova pasarela en sentido ascendente, e tamén de desembarco e tránsito ata a recente actuación sobre a AP-9 para os que descendan. Estas obras contan cun investimento de case 1 millón de euros.

A elas hai que engadir outras no Camiño Francés, entre O Tangueiro e San Lázaro ou en Concheiros; no Camiño Portugués, en Conxo, que rematará en outubro; ou no Camiño Inglés, no Tambre, cunha intervención acabada e outra en execución. A administración autonómica inviste un total de 10 millóns de euros e o Concelle achega 2,6.

Compartir: