ALCALDÍA

As cidades do Eixo Atlántico reivindican o seu protagonismo na reconstrución post-COVID

17/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na Conferencia de Presidentes do Eixo Atlántico, celebrada en Pontevedra, onde se reivindicou unanimemente o papel determinante que as cidades e os concellos desempeñaron durante a pandemia, cubrindo cos seus propios recursos os déficits doutras administración, dende os aspectos sociais e sanitarios de maior urxencia, incluíndo os educativos, ata os aspectos culturais e de motivación da poboación para resistir o confinamento.

Precisamente porque son os concellos os que mellor coñecen as necesidades dos seus cidadáns, reivindican un papel protagonista no proceso de reconstrución para garantir que dito proceso contemple e apoie as necesidades dos habitantes das cidades da Eurorrexión.
Ao longo de case catro horas os alcaldes das principais cidades da Eurorrexión integrados no Eixo Atlántico, entidade que convoca a conferencia, debateron cun conxunto de expertos de alto nivel as liñas mestras que deben definir a folla de ruta da reconstrución.

Os responsables políticos reivindicaron a situación dos territorios de baixa densidade, que sempre son os máis desprotexidos, non da pandemia, senón dos apoios para superar os seus efectos. Unha postura defendida polo presidente da Deputación de Lugo, a alcaldesa de Lugo, o alcalde de Sarria ou o do Barco de Valdeorras. Esta posición á que tamén se adheriron os seus homólogos portugueses do interior, revelou situacións ignoradas como as que está vivindo o sector agroalimentario vencellado á gastronomía e ao turismo xa que moitas das grandes superficies venden produtos doutras rexións españolas.

Por iso, unha das reivindicacións unánimes foi o apoio aos sectores produtivos do territorio tanto no referente ás pequenas e medianas empresas, como aos autónomos.

Outro elemento central no debate foi a necesidade de desenvolver a sostibilidade do territorio, non só polo seu carácter económico e de calidade de vida, senón, como se viu durante esta pandemia, polo seu forte compoñente sanitario, así como a necesidade de incentivar os ciclos curtos, tanto produtivos, como de consumo, que redundan no comercio de proximidade e que supón poñer en valor o consumo de produtos tradicionais.

Incidiuse tamén na necesidade de desenvolver plans de mobilidade urbana sostible para minorar o uso e impacto do vehículo privado. Tamén se reforzou a necesidade de mellorar as infraestruturas pendentes, especialmente ferroviarias para favorecer unha mobilidade máis sostible e saudable.

A biotecnoloxía como motor de recuperación económica en Santiago
Con todo, o debate centrouse especialmente nos aspectos económicos destinados a dinamizar a economía e recuperación do emprego no menor tempo posible.

Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, referiu unha conversa cunha empresa alemá que quere investir en Santiago e que lle trasladou a elevada capacidade e investigación que xera o núcleo de biotecnoloxía e tecnoloxía biomédica vinculado ao Campus de Excelencia da Saúde, pero a escasa capacidade de comercialización de patentes e produtos desta investigación. Bugallo explicou como a aposta pola investigación pode xerar investimentos e converterse nun motor de desenvolvemento económico.

Pola súa banda, o presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Rio, destacou o papel de liderado da entidade ao conseguir reunir a máis de 30 alcaldes para centrarse, "non nunha lista de reivindicacións, senón en fortalecer un modelo de cooperación que queremos afianzar entre concellos, axentes sociais e os cidadáns, ademais de potenciar os recursos da Eurorrexión para que se desenvolva de forma cohesionada".

Compartir: