TURISMO

O concelleiro de Turismo presenta o Plan de Sostibilidade Turística 2021-2023 que contempla actuacións por valor de 4 millóns de euros en Santiago

10/09/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentou o "Plan de Sostibilidade Turística en destinos 2021-2023", que concurrirá á convocatoria da Secretaría de Estado de Turismo, e que hoxe se vai remitir á Xunta de Galicia para a súa avaliación. Guinarte sinalou que este plan, dividido en cinco eixos de actuación, e que prevé actuacións por importe de 4 millóns de euros, "é unha magnífica oportunidade para Santiago de Compostela e para Galicia".

Co Real Dereto Lei 25/2020, que se publicou o pasado 6 de xullo no BOE, a Secretaria de Estado de Turismo (SETUR) ven a crear o instrumento denominado «Planes de Sostenibilidad Turística en Destinos», co obxectivo de apoiar a inversión en actuacións de impulso, adecuación e mellora dos destinos turísticos co fin de aumentar a súa sostibilidade.

O obxectivo fundamental deste instrumento é apoiar a reconversión dos destinos turísticos para manter o seu atractivo e competitividade, mediante a execución de actuacións de recualificación do destino, reconversión de usos, restauración ambiental, accesibilidade, innovación, tecnoloxía, e de mellora da súa gobernanza; orientando todo isto cara a xestión intelixente e sostible.

Na concellería de Turismo do concello de Santiago elaboraron o documento "Plan de Sostibilidade Turística en destinos para o trienio 2021-2023", que hoxe se vai presentar por rexistro á Xunta de Galicia, e que onte se presentou ás distintas entidades que representan, na cidade, ao sector turístico.

Esta proposta supuxo a elaboración dunha memoria técnica, de máis de 200 páxinas, na que se prevén executar distintas actuacións nos próximos 3 anos por un valor de 4 millóns de euros. As actuacións elixibles dentro das propostas abranguen unha ampla tipoloxía de accións, todas elas orientadas a renovar o modelo turístico da cidade, aínda que deixan fora as axudas directas ao sector.

O Plan de Sostibilidade Turística de Santiago de Compostela ten, entre outros, os seguintes obxectivos específicos:

1. Situar ás persoas no centro do modelo de desenvolvemento turístico de Santiago de Compostela. Este plan proponse potenciar a participación da cidadanía e dos visitantes no desenvolvemento do turismo da cidade.

2. Recuperar o protagonismo e liderado turístico de Santiago de Compostela convertendo á cidade nunha referencia mundial na xestión e a reflexión sobre o turismo e a sustentabilidade.

3. Contribuír á reconstrución económica e social do turismo en Santiago de Compostela tras a crise da COVID-19, e aumentar a resiliencia do sector turístico.

4. Aumentar a rendibilidade económica e social do turismo na cidade a través de diversificar produtos como a cultura, a gastronomía e o MICE (turismo de congresos), ampliar públicos obxectivos e mercados, desestacionalizar; e impulsar o desenvolvemento do emprendimiento e o capital humano do sector, con iniciativas baseadas na sustentabilidade, a innovación e a incorporación das novas tecnoloxías.

5. Reforzar o Camiño de Santiago como vínculo para a universalidade de Santiago de Compostela.

6. Aproveitar o Ano Santo 2021 como plataforma de transformación da cidade

7. Extender territorialmente os beneficios do turismo. Ampliar o alcance territorial dos beneficios xerados polo sector turístico, máis aló dos estritos límites das rúas ou prazas turistizadas.

8. Acadar sinerxias co resto de sectores económicos da cidade.

O esquema xeral da memoria que se presenta á convocatoria articúlase en 5 eixos con diferentes accións. Son:

1. Eixo 1. Gobernanza, estratexia e activación do sector turístico, que contaría cun orzamento de 1.380.000 euros.

Dentro deste eixo inclúense as actuacións de planificación, coñecemento e definición da nova estratexia turística de Santiago de Compostela. Entre as medidas inclúense:

● Pacto Local para o desenvolvemento dun turismo sostible, equilibrado, seguro e responsable.

● Un Observatorio de Turismo Sostible e unha Oficina de Estratexia de turismo sostible.

● Reactivación sostible do sector turístico.

2. Eixo 2. Destino intelixente, mobilidade sostible e accesibilidade, cun orzamento previsto de 870.000 euros.

O plan proponse aprofundar na aplicación da tecnoloxía da información ao visitante e na xestión dos fluxos turísticos, fundamental para reorientar eses fluxos e mellorar a experiencia turística e a seguridade das persoas e a saúde. Para iso propón a configuración dunha plataforma de xestión do destino intelixente que complementará as accións en curso na cidade, como o proxecto Smartiago.

Neste eixo inclúese a habilitación de espazos de acollida e estancia que permitan xestionar de maneira máis sostible os fluxos turísticos en Santiago, mellorando a mobilidade e a experiencia turística. Estas accións son:

● Sistema integral de xestión do destino intelixente.

● Plan de mobilidade turística sustentable e xestión dos usos do espazo público na Cidade Histórica.

● Plan de accesibilidade e deseño universal, con actuacións concretas, como, por exemplo, a mellora da accesibilidade na Praza de Galicia; e a creación de itinerario accesible de entrada ao Pazo de Xelmírez.

3. Eixo 2. Cidade Histórica e estratexia verde, que contaría cun orzamento de 640.000 euros.

Dentro deste eixo inclúense as intervencións na Cidade Histórica e as referidas á a activación do patrimonio. Para iso, proponse promover infraestruturas verdes e solucións baseadas na natureza como medidas de adaptación ao cambio climático e sostibilidade urbana.

O plan tamén recolle actuacións de embelecemento do centro histórico, a revitalización de actividades produtivas urbanas e de economía creativa, e a posta en marcha dun proxecto vinculado á tradición gastronómica de Santiago e Galicia. Accións como:

● Renovación da iluminación do patrimonio no centro histórico.

● Plan de apoio a actividades produtivas urbanas e de economía creativa na cidade histórica.

● Recuperación e revitalización de estruturas verdes urbanas.

4. Eixo 4. Transición ecolóxica do sector turístico, que contaría cun orzamento de 480.000 euros.

Dentro deste eixo inclúense as medidas para mellorar a xestión ambiental nas empresas turísticas; e reducir o impacto ambiental do turismo en diferentes aspectos, como a mellora da xestión dos residuos e o desenvolvemento da economía circular, así como a loita contra o cambio climático a través da eficiencia enerxética.

Tamén se recollen medidas de sensibilización dirixidas aos principais públicos obxectivo para promover non só a produción, senón tamén un consumo sostible e responsable dos recursos urbanos e turísticos da cidade. Entre esas accións:

● Impulso da economía circular no sector turístico.

● Compromiso contra o cambio climático no sector turístico.

● Programa de formación e asesoramento sobre a transición ecolóxica no sector turístico.

● Plan de sensibilización sobre a economía circular e o cambio climático para favorecer un consumo máis responsable.

5. Eixo 5. Renovación da mercadotecnia e creación de novos produtos e experiencias sostibles, que contaría cun orzamento de 630.000 euros.

Este eixo inclúe medidas para a creación e consolidación dos produtos turísticos clave no posicionamento de destino, xa que Compostela necesita aproveitar mellor o seu potencial como destino de turismo cultural e gastronómico.

Así mesmo, recóllese a renovación da marca turística de Santiago, aliñada cos novos retos da cidade e o reforzo das accións de promoción e comercialización de Compostela como destino turístico sostible para mellorar a súa visibilidade nos principais mercados emisores, reforzando a súa imaxe e o seu posicionamento en relación cos produtos turísticos clave.

Intensificaranse as accións de promoción turística sobre a canle on-line, focalizadas sobre grupos obxectivo ou mercados emisores determinados. Accións como:

● Creación de novos produtos turísticos.

● Impulsar un Centro de Cultura Gastronómica de Galicia

● Renovación da marca turística e dos instrumentos de mercadotecnia e comunicación.

De ser aprobado este plan, a financiación do mesmo artellaríase mediante a sinatura dun convenio entre SETUR, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago. Cada unha das tres administracións asumiría a financiación do 33% do custe do plan. Segundo Sinalou Sindo Guinarte, "o Concello comprometese coa transformación do sector turístico incorporando dito compromiso de gasto nos vindeiros orzamentos dos próximos 3 anos".

Unha vez presentada a candidatura, o procedemento de aprobación continua coa primeira fase de avaliación por parte da Xunta, e posteriormente coa valoración das candidaturas por parte da SETUR. Está previsto que a Comisión Sectorial de Turismo anuncie as candidaturas seleccionadas nas primeiras semanas do mes de outubro.

Onte á tarde presentouse o "Plan de Sostibilidade Turística en destinos 2021-2023", ante unha representación do sector turístico. Na presentación estivo presente o concelleiro Sindo Guinarte; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; e responsables das entidades Unión Hoteleira; a Asociación de Hostalería; o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR); a Asociación Profesional de Guías Turísticos; a Asociación Galega de Empresas de Organización Profesional de Congresos; a Asociación Galega de Axencias de Viaxes; e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.

Segundo explicou o concelleiro, Sindo Guinarte, a recepción "foi moi positiva. Todos coincidiron na oportunidade que é a implantación deste plan nos vindeiros 3 anos, como ferramenta de captación de fondos para poder impulsar un modelo turístico mais sostible, que xere novas dinámicas, novos produtos e novas oportunidades para o sector turístico de Santiago".

O concelleiro de Turismo sinalou que "dende o momento en que tomamos a decisión de presentarnos á convocatoria da SETUR, mantivemos contactos co titular, nese momento, da consellería de Turismo, para mostrarlle a nosa disposición" de concurrir a este proxecto.

Guinarte agarda que "a boa colaboración e sintonía co ata agora conselleiro de Turismo continúe e se consolide co Vicepresidente Alfonso Rueda". Porque, engade, "nós cremos que estando ás portas dun Ano Santo, a aprobación deste plan é unha magnífica oportunidade para a cidade de Compostela e para Galicia".

Compartir: