EDUCACIÓN

O Programa de educación pola mobilidade segue a concienciar sobre hábitos viarios seguros aos alumnos de cuarto de primaria

07/03/2007 Continúan a desenvolverse as sesións didácticas do Programa de educación pola mobilidade, organizadas pola Concellería de Educación e Mocidade en colaboración coa Fundación RACC. Esta iniciativa, na que participarán 262 alumnos de 11 centros de ensino, forma parte á súa vez do programa municipal "Onde está o perigo".

Esta acción de soporte educativo no marco escolar pretende facer partícipe da educación viaria e da autoprotección ás xeracións máis novas. Segundo explicou a delegada para Galicia e Asturias do RACC, Lucía Serantes, as sesións trabállanse aspectos coma os elementos de seguridade pasiva nos vehículos, os riscos e condutas como viandantes, a importancia de viaxar seguro no transporte privado e público, a utilización segura da bicicleta ou os problemas das persoas con mobilidade reducida ante o tráfico.

O programa Educación pola mobilidade estrutúrase en tres sesións. En primeiro lugar, o persoal educador da Fundación RACC trasládase á escola para compartir co profesorado e co alumnado unha sesión de traballo. Logo o grupo traballa baixo as directrices do seu profesorado, poñendo ao seu dispor materiais e propostas didácticas. Finalmente, o persoal educador da primeira sesión realiza unha actividade de reflexión sobre o traballo realizado e outras actividades de carácter lúdico.

Entre as propostas do programa para este curso escolar, apuntou a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, inclúese a representación en Santiago da obra de teatro "STOP", o 14 de marzo, no Auditorio de Galicia. Doce centros de ensino, con 600 alumnos de entre 6 e 12 anos, teñen solicitado asistir a esta representación. A obra céntrase na aprendizaxe dos principais sinais de tráfico, claves para resolver o argumento. Os rapaces axudan aos axentes de policía a resolver o caso dun roubo de sinais.

Compartir: