EDUCACIÓN

O Concello reforzará a limpeza nos centros escolares, máis alá do esixido pola instrución autonómica para a prevención da COVID

08/09/2020 Así llo comunicou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ao presidente da Federación de ANPAS de Santiago, Fernando Lacaci, trala reunión mantida hoxe na Alcaldía e que segue á que o rexedor celebrou onte cos directores dos centros de educación infantil e primaria. Na xuntanza abordáronse dous dos temas que preocupan á comunidade educativa: o servizo de comedores e madrugadores e a limpeza das instalacións.

Sobre este último punto, o alcalde comunicou á Federación de ANPAS que o Concello reforzará o servizo de limpeza nos colexios. Trala reunión de onte cos directores e a mantida esta mañá polo grupo de goberno "acordamos que os estándares de limpeza que esixe a Consellería, que nós por suposto contemplabamos aplicar en todos os centros educativos, imos amplialos e imos incorporar como parte dos centros educativos os polideportivos". Isto significa que, "en lugar de aplicarlles o protocolo de limpeza de instalacións deportivas, que tamén, se lles vai aplicar a maiores o dos centros educativos". Esta actuación, que o alcalde prevé se alongue ata final de curso, "vainos supoñer un sobrecoste adicional duns 37.000 euros mensuais".

En materia de comedores escolares, "tamén lles informamos de que a prioridade para nós é atender as familias que máis o necesitan, que son aquelas que polos recursos económicos ou polas necesidades obxectivas de conciliación así o requiren". Neste sentido, o Concello resolverá ao longo do día de hoxe as solicitudes de bolsas de comedor de xeito provisional. "É certo que nalgúns casos dispoñen de tempo ata o día 30 de setembro para ampliar documentación ou para presentar xustificantes, pero en todos aqueles casos en que non nos conste que deben ser excluídos, con carácter provisional imos dar as bolsas como concedidas", anunciou o rexedor. A resolución será definitiva a medidados de outubro, pero "xa mañá, a gran maioría dos solicitantes saberán que teñen concedida provisionalmente esa bolsa e poderán acollerse ao comedor escolar".

Pola súa banda, o presidente da Federación de ANPAS de Santiago, Fernando Lacaci, amosou a súa satisfacción pola xuntanza e polo anuncio parte do alcalde de que non quedará ninguén fóra dos servizos de comedores e madrugadores, así como polo feito de que o Concello se faga cargo de todos os gastos suplementarios que en materia de limpeza sexan necesarios nos centros.

Compartir: